Os Pecados Capitales

los_pecados_capitales_envidia_por_siro

“Os Pecados Capitais” deberíanse chamar os Pecados do Capital. Pecar, o que se di pecar, é un luxo que só poden acadar uns poucos. Peca quen pode, non quen quere.” Escribino no ano 1977 na carpeta publicada pola Editorial Galaxia. O tempo deume a razón.

Conversa con SIRO. Pedro Taboada (2017, Siro, Deputación da Coruña)

-¿E cando remataches a aprendizaxe? ¿En que momento aparece o debuxante madurecido?

-En 1977, cando edito en Galaxia a carpeta Os Pecados Capitales. Non quero dicir que todo o que fixen desde entón fose bo, pero souben que non levaría á imprenta ningún libro, ningún álbum, do que non estivese satisfeito.

-¿Inclúes Os Pecados Capitales no teu debuxo de humor?
1
- Naturalmente.

-Daquela, deduzo que te propuxeches aportar ao humor gráfico galego unha obra importante por calidade artística e pola mensaxe ética que transmite. ¿Foi así?

-A verdade é que cando me puxen a debuxar os Pecados non tiña idea clara do que ía facer, porque traballei sen bosquexos previos; pero quería crear humor e arte en cada lámina. E si, a mensaxe ética está nas sete coa mofa que fago dos pecadores, convertidos en personaxes monstruosos ou noxentos. Non hai influencias evidentes de ninguén, nin se me ocorre ningunha. É unha obra orixinal, e sen embargo estou certo de que no meu subconsciente estaban Os Caprichos de Goya, as imaxes satíricas de Daumier, o Álbum Nós de Castelao e outras moitas imaxes de artistas que admiro.

-Segue a ser un dos teus traballos preferidos.

-Sobre todo porque hoxe non podería facelo. Daquela tardei ano e medio e se os pecados capitais fosen dez en vez de sete, pode que non rematara a serie. Marín fixo millóns de raíñas e puntos ata hai pouco. Eu perdía a paciencia e deixaba pasar un mes ou dous entre debuxo e debuxo. Mira, no ano 1983 quixen superar o traballo dos Pecados cun grafismo máis moderno, ao xeito de Edward Gorey, e ideei unha serie de 13 láminas de humor macabro, protagonizada por esqueletos. Fixen as dúas primeiras e non seguín.

-Os Pecados Capitales tiveran unha gran acollida e a edición esgotouse en pouco tempo.

-Si, Galaxia leváraos á Feira do Libro de Madrid e causaran sensación. Meu irmán, que vivía en Madrid e ía todos os días á feira, díxome que media edición quedou alí. Para min o máis reconfortante foron os comentarios eloxiosos de Díaz Pardo e Luís Seoane.

Deixa un comentario