Puntadas sen fío: Vox e o idioma castelán

Vox e o idioma castelán por Siro
Vox e o idioma castelán por Siro

Miquel Montoro é un rapaz de 13 anos que colga vídeos das actividades que realiza no campo e engaiola á audiencia coa súa simpatía e o seu saber. Ás veces fala mallorquín e outras castelán, pero vese que o seu primeiro idioma é o mallorquín, e esa circunstancia levou a unha concelleira de Vox a publicar un tuit, compadecéndoo: “Un niño español de 13 años que no sabe hablar castellano en condiciones y con naturalidad. Es tremendo”.

Rapaces que se expresaban mellor en galego que en castelán tívenos eu de condiscípulos na academia de Ferrol onde estudei o bacharelato, e o director, que ía de republicano e azañista, mofábase deles cunha crueldade que só podía permitirse no franquismo: “¡Aldeano, es usted un aldeano. Y su padre es otro aldeano. Seguro que su padre come con boina!”

Vox quere garantir que todos os españois coñezamos o castelán mellor que Miquel e levou ao Congreso unha proposición non de lei para que se fagan probas de nivel ou exames que o acrediten; sobre todo nos territorios con outro idioma cooficial. E, xa de paso, que se estude exclusivamente en castelán en todo o territorio nacional; e que en ningún caso se poida obrigar a un funcionario a coñecer a lingua cooficial.

En fin, o que Vox quere é volver ao primeiro franquismo. Ao das follas voandeiras de 1955, con pé da Imprenta Sindical e o texto: “Hable bien. No sea bárbaro. Es de cumplido caballero que usted hable nuestro idioma oficial, o sea el castellano. Es ser patriota. Viva España y la disciplina y nuestro idioma cervantino ¡¡Arriba España!! “ Non fago demagoxia; a proposta de Vox está máis preto daquel franquismo represivo que do de Villar Palasí e a Ley General de Educación de 1970, que introduciu o estudo das outras linguas e literaturas de España. Claro que Villar Palasí falaba quince idiomas e era valenciano e liberal.

Villar Palasí entendería a Ramón Piñeiro cando dicía do idioma galego: “A lingua vén ser a alma viva do pobo que a fala”. “Se a nós se nos dintingue como unidade peculiar entremedias da familia europea, é grazas ao idioma”. Entenderia que, por seren bilingües, autores galegos como Valle Inclán, Julio Camba, Wenceslao Fernández Flórez, Rafael Dieste e tantos outros, escribiron páxinas primorosas en castelán. E por amar os idiomas, ata entendería a miña nostalxia ao pronunciar palabras do ferrolán que falei na infancia: auñar, por correr; pava, por colilla; rallante, por pesado; conacho, por fachendoso; ollo á virolusa, por ollo morado; a todo filispín –do inglés full speed- , por a toda velocidade;  chinclar, por soar… Dicíalle o avó ao neto, mozo, cando ía para a verbena: “Este peso, para gastar; estoutros dous, para chinclar”.

 Villar Palasí entendería todo e os líderes de Vox non entenden nada, porque aspiran a facer realidade a versión española do lema daquel pequeno partido político, que foi o PSG: “Galicia, unha terra, un pobo, unha fala”; e trocalo en “España: una tierra, un pueblo, un idioma”. Por iso din que o presidente Núñez Feijóo é nacionalista. Porque está matando o idioma galego pouquiño a pouco e eles quéreno matar de vez.   

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn
WhatsApp
Email

Deixa un comentario