Puntadas sen fío: O humor entre a medicina e a morte

O humor entre a medicina e a morte por Siro
O humor entre a medicina e a morte por Siro

Un paisano pregúntalle ao médico: -E dígame, doutor. Vostede libraríame da derradeira? O médico responde: -Home, non. Desa só Deus. O paisano pon a boina e bota a andar cara á saída mentres comenta: -Pois daquela non o necesito, que das outras xa me libro eu.

Este conto que escoitei, hai moitos anos, aquí, en Galicia, escoitábao Jardiel Poncela, de neno, en Quinto del Ebro, Aragón, a terra natal do pai, onde pasou longas tempadas. Ao humor pásalle como á medicina, que chegamos a coñecelos e aceptalos como propios, aínda que resulte difícil fixar as orixes.

Hai un conto titulado Os avisos da Morte que, polo contido, pola estrutura narrativa e polo humor, podería ser árabe, pero é galego. Di así:

Un rapaz atopouse un día coa Morte e camiñaron xuntos un bo cacho, falando animadamente ata que chegou o momento de separarse. Na despedida a Morte díxolle: -Ata que veña por ti. E o rapaz comentoulle: -Pois xa que somos amigos vouche pedir un favor. -Ti dirás. -Pídoche que cando veñas por min, non me collas de sorpresa. Avísame antes. -Avisareite, home; conta con iso.

Este conto galego fai lembrar outro persa, no que un criado chega tremelante ante o seu señor, príncipe en Teherán, e pídelle un cabalo para fuxir a Ispahán, xa que aquela mañá vira á Morte no mercado e ollárao desafiante. O príncipe dálle o mellor cabalo, o criado foxe, e cando o príncipe encontra á Morte, pregúntalle:

-Por que ollou desafiante ao meu criado esta mañá no mercado?

-Non o ollei desafiante -respondeulle a Morte-. Olleino con asombro ao velo pola mañá aquí, en Teherán, porque esta tarde teño que collelo en Ispahán.

Non é posible fuxir da Morte, pero retardar a súa chegada é a nosa obriga. O rei don Sebastián de Portugal dicíallelo aos seus moi nobres cabaleiros:

-Fidalgos, meus fidalgos. Hai que saber morrer, pero sen présas.

Tampouco a de zafarse é mala trécola. Fontanelle, aristócrata francés do século XIX, poeta e filósofo, conversaba aos 99 anos cunha dama da súa idade que lle comentou:

E Fontanelle respondeu de contado:

-Chisss!

Aínda que o medio máis seguro de seguir tirando do alento é a medicina, os humoristas non o recoñecemos e facemos mofa dos sandadores. Quevedo chamáballes «ponzoñas graduadas» e acusábaos de saber pouco e aparentar moito. Voltaire, que sempre tivo mala saúde e viviu entre médicos, chegou aos 84 anos, pero non atribuía a lonxevidade ao saber dos galenos, senón ás enfermidades:

-Teño todas as enfermidades e, mentres discuten cal acabará comigo, vou tirando

Humorista anónimo, pero de gran enxeño, foi un amigo que perdín recentemente. Hipocondríaco confeso, peregrinaba polas consultas dos especialistas, mercaba as medicinas que lle receitasen, lía os prospectos, tirábaas polo retrete e explicábame: -Todos temos que vivir: o médico, o boticario e eu.

Hoxe quixen recordalo.

1 comentario en “Puntadas sen fío: O humor entre a medicina e a morte

Deixa un comentario

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.