Puntadas sen fío: Gila no 10 Novembro

Gila por Siro
Gila no 10N por Siro

Quino, o gran humorista gráfico arxentino, definíase en 1991 como un home tímido e serio que ve a vida en cor Guernica de Picasso, e engadía: “El único humorista que me hace reír es Gila. Con él y con sus dibujos disfruto como no lo hago con nadie”. Supoño que Gila recibiría esa declaración como un valioso premio porque a viñeta foi sempre prioritaria no seu facer de humorista e así o recoñeceu en 1995, no libro Y entonces nací yo: “Más allá de mis actuaciones, lo que más amo es el dibujo humorístico, que sigo y seguiré practicando”.

Tamén eu rin con moitas viñetas de Gila, de personaxes grotescos e trazo infantil, en perfecta simbiose co texto; e nas conferencias que imparto sobre o humor mostro unha do comezo da Transición, que reflicte a peculiaridade daquela realidade social. É a dun matrimonio burgués que comenta a un progre: “Pues nosotros también somos de izquierdas, pero todavía no”.

No prólogo do libro Miguel Gila, editado en 2011, Forges evoca o programa de radio que, en 1954, Gila facía en directo na SER: “A partir de ese momento, todo lo gris del franquismo cotidiano desaparecía, convertido en lo multicolor del ingenio, la sonrisa y la ensoñación”. Nese prólogo, Forges afirma que as maxestades humorísticas españolas, os Reis Magos do Humor, son Cervantes, Quevedo e Gila. E remata: “¿Admiración excesiva? Ninguna admiración puede ser excesiva si se trata de Miguel Gila.”

Por que falo hoxe de Gila se xa o fixen en marzo, no centenario do seu nacemento, e ata recordei un monólogo inédito? Porque, por estraña asociación de ideas, non podo deixar de relacionar o fracaso da negociación política para formar goberno e a convocatoria de novas eleccións, cos seus monólogos disparatados e surrealistas. Vexo a Pablo Iglesias co casco militar e o teléfono de Gila, chamando a Pedro Sánchez: “¿Es el enemigo? Que se ponga.” Pero o presidente interino non se pon e non hai diálogo, nin monólogo. Véxoo rexeitando, indignado, a vicepresidencia social e os tres ministerios que Pedro Sánchez lle ofrecera en xullo, porque lle pareceron “carteiras florero”, e venme á mente a imaxe de Gila na guerra, protestando porque lle mandaron dous canóns sen buraco.

Penso nos cinco meses perdidos nun diálogo de xordos, nos pulsos botados a brazo partido, e vexo a Pedro Sánchez, Pablo Iglesias, Albert Rivera e Pablo Casado no campionato de forza que facían no pobo de Gila, cando poñían no medio da praza una pedra enorme e eles, cunha carreiriña de quince metros, crebándoa a cabezazos.

Percibo a frustración do electorado, convocado por cuarta vez en catro anos, e descubro a Pedro Sánchez co uniforme de bombeiro e o teléfono de Gila, chamando a unha muller de nome Paciencia: “¿Usted que nota, como calor, como sofoco, no? Eso va a ser un  incendio sí”.

Sen lume, pero incendio é; e a cidadanía bota fume con eses 140 millóns que se van gastar o 10N, para sumar 540 en catro anos.

Buscaba o remate para este artigo cando Moncho Borrajo me enviou unha viñeta da súa autoría sobre as próximas eleccións, na que a urna ten forma dun par de nádegas en pompa e os electores introducen as papeletas pola regaña. Podería ser de Gila.  

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn
WhatsApp
Email

Deixa un comentario