Puntadas sen fío: Deica nunca, míster Trump

Puntadas sen fío: Deica nunca, míster Trump por Siro
Puntadas sen fío: Deica nunca, míster Trump por Siro

Dicía Octavio Paz que «la sociedad empieza a corromperse cuando se corrompe la sintaxis». É a percepción intelixente dun home de letras, pero parece máis certo que a sociedade empeza a corromperse cando se corrompe a súa arte. En 1955, o filósofo inglés Herberd Read publicou o ensaio Imaxe e idea, no que estuda a función da arte no desenvolvemento da conciencia humana e chega á conclusión de que na interpretación de cada momento histórico o artista plástico adiántase a todos os demais creadores e tamén ao filósofo, ao sociólogo e ao antropólogo da cultura: primeiro é a intuición, despois a reflexión; primeiro a imaxe, despois a idea.

Se Herberd Read ten razón, a chamada arte conceptual, que se impón no mercado internacional des que Duchamp convertera un urinario en obra artística, en 1917; e cen anos despois acolleu un plátano pegado á parede, vendido por 120.000 dólares; anunciou o progresivo empobrecemento intelectual dunha sociedade que hoxe despreza o coñecemento, acepta como valor cultural calquera despropósito e fai da confrontación ideolóxica un conflito bélico.

É a culminación da rebelión das masas, anunciada por Ortega, que impoñen o seu criterio nos lugares preferentes da sociedade. O home e a muller masa poden non valorarse, pero saberse «coma todos», ser parte dun coro sen solistas, abóndalles para sentirse ben e non propoñerse mellorar. O desdén polo saber en boa parte da sociedade dos EE.UU. fixérase evidente nos debates televisivos entre George Bush e Al Gore, candidatos á Casa Branca no 2000. Gore, coa experiencia de ser vicepresidente con Clinton, sabía de todo e varreu a Bush; pero as masas viron nel un solista pedante e votaron a quen semellaba un deles. Nos debates de Trump e Hillary Clinton, en 2016, viuse que o desdén polo saber medrara ata abranguer o desdén polo saber estar. Trump foi tan groseiro de palabra e actitude, que Hillary contou no libro What Happened (O que ocorreu) o incómoda que chegou a sentirse: «Seguíame onde fose, ollándome, poñéndome caras. Sentía a súa respiración na caluga e estremecinme».

En pleno debate, o Washington Post deu a coñecer un vídeo, no que Trump dicía a un presentador de TV: «Podes facer ás mulleres o que queiras cando es unha estrela» e falaba das súas experiencias. Destacados membros do Partido Republicano pedíronlle que retirase a candidatura; pero nin iso, nin recoñecer que eludía o pago de impostos federais mermou o apoio da masa electoral e foi presidente.

Trump non enganou a ninguén, nin tentou facelo. É fachendosamente ignorante, agresivo e inmoral, e así se mostrou sempre. Chamou publicamente maricón e fea a rivais do propio partido; mofouse, imitando a voz e os movementos, dun xornalista cunha enfermidade que afecta ás función motoras; e recoñeceu que nada lle importan os nenos da guerra porque é a encarnación do Mal. O seu electorado riulle as grazas. Eufórico despois dun éxito nas primarias do Partido Republicano, declarou: «Podería disparar a una persoa na rúa e seguiría sendo o máis votado».

Trump era un problema, pero o problema é ese 50 % do electorado que o apoiou e apoiará a outros Trump, chámense como se chamen.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies