Ferrol, Ferrol, Ferrol, onde eu nacín: Amor en Amboaxe Ferrol, Ferrol, Ferrol, onde eu nacín: Amor en Amboaxe

Amor en Amboaxe

Chamábase Mariconchi e era a nena máis linda que eu vira nos meus dez anos de vida. De pel branca como a Brancaneves do conto, ollos grandes e inquedos, boca debuxadiña e fresca, de dentes perfectos, que falaba e ría sempre… Estouna vendo co pelo claro e longo, recollido en “cola de cabalo”; altiña, lanzal, vestida con roupa moi nova, moi limpa e moi cara, que lucía con elegancia. Foi o meu primeiro gran amor. Eu xa tivera outras experiencias amorosas; xa namorara de varias nenas ás que vía pasar pola acera de enfronte, e de María Móntez, a protagonista das películas Las mil y una noches e Alí Babá y los cuarenta ladrones; de Yvonne de Carlo, heroína en El piel Roja e Chacales del mar; da Leslie Caron de Lilí; da Carmen Sevilla de El sueño de Andalucía…, pero o de Mariconchi era outra cousa.

Todo empezou a tarde do 31 de agosto do 1953, cando Arturito me contou que el e Cuqui Montero, un rapaz da rúa Carlos III, a quen alcumabamos , estaban por unha nena preciosa da praza de Amboaxe, coa que falaban todas as tardes no Cantón; e levoume a vela. Ao chegarmos xa estaba Cuqui Montero facéndose o chulo ante ela e unha amiga, de nome Tonucha, á que moitos anos despois atopei casada e poeta.

No Cantón había un remuíño de xente, pero, en canto a vin, só tiven ollos para Mariconchi; e ela olloume tamén, surriume e non deixou de mirarme ata que falamos. Foi un amor a primeira vista, un flechazo que nos fendeu o corazón pola metade aos dous; e aquela noite, nos fogos de Amboaxe, eu sabía que as tracas, as bengalas voadoras e o castelo de luces que estoupaban no ceo, eran para nós.

O idilio proseguiu felizmente nos próximos días, con Tonucha e Arturito de <carabinas>, e se eu coñecese o texto de Romeo e Xulieta avalaría a Shakespeare cando afirma que os namorados poden camiñar sobre teas de araña baixo a caloriña morna do verán. Porque eu sentía o amor dentro de min, día e noite, como unha acumulación de gases baixo o diafragma, que me facían levitar; e se pensaba nela ás horas de comer, perdía o apetito; e de noite non durmía sen soñar esperto mil aventuras románticas, nas que ela e eu eramos protagonistas; e pasaba sen alento as horas do día ata o momento de vernos…

E unha tarde, na praza de Amboaxe, vina vir cun aceno triste no rostro. Cando chegou cabo de min explicoume que non podíamos seguir porque o irmán pequeno –un alevín de canalla, ¡quen sabe o que sería del!- chivárase ao pai, quen lle ordeara cortar de contado a nosa relación, ou non a deixaría saír de casa. Pasaron sesenta anos e non esquecín o que me dixo: -¡Lo siento muchísimo, porque me gustas tanto…! Tonucha e Arturito foron testemuñas daquel momento dramático.

Arturito e eu volvimos a Esteiro. A vida non tiña sentido para min, que me sentía o ser máis desgraciado do mundo, e nada podía quitarme aquela dor terrible do peito. Andivemos media rúa da Igrexa sen dicir palabra, pero ao chegar a La Ibense Arturito propuxo mercar un xelado, e eu pedín un de chocolate e vainilla. Coa primeira lambetada notei que a anguria me baixaba algo do peito á barriga, e o mesmo coa segunda e as seguintes. Funo lambendo a pouquiños para que durase, e cando o rematei respiraba moito mellor. O que quedaba do día funo levando como puiden, pero estou certo de que sen o xelado de La Ibense morrería de tristura aquela noite.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.