En setembro de 2017 fixen no Museo Provincial de Lugo unha exposición retrospectiva de debuxo e pintura, comisariada por Fernando Arribas, para dar a coñecer a miña creación plástica fóra da caricatura e do debuxo de humor, xéneros máis coñecidos despois de exercer no xornalismo gráfico case medio século.
Lugo é unha cidade á que me sinto vencellado sentimentalmente por varios motivos. Primeiro, porque o meu nome “Siro” recibino dun tío político, así chamado, militar de profesión, veciño de Lugo e morto durante a Guerra Civil. A viuva, irmá de meu pai, estaba tan namorada que se ofreceu a amadriñar aos nenos que naciamos na familia, a condición de chamarnos “Siro”. Aínda me quedan un curmán e varios fillos de curmáns, lugueses, pero coido que o único Siro vivo son eu.
Quero a Lugo porque nesta cidade tiven e teño grandes amigos; pero a un dos que xa non están -falo de Celestino Fernández de la Vega- débolle o iniciarme nos estudos do humor, non só por ler e reler o espléndido ensaio O segredo do humor, senón polas moitas horas que me dedicou en 1972, durante os días que pasei no hotel Méndez Núñez para afondar con el na esencia do humor. Daquela propúxenlle que fixese unha segunda parte de O segredo do humor e expúxenlle a estrutura da mesma, tal e como eu a vía. Celestino mostrouse interesadísimo e díxome que esa segunda parte habería que facela, pero o autor tería que ser eu. En 2017 publiquei Cervantes e o Quixote. A invención do humorismo, que vén ser aquel libro imaxinado 45 anos antes, e que dediquei a Celestino e a Ramón Piñeiro, meu xenerosísimo pai intelectual.
Celestino dicía que Lugo era unha cidade á medida do seu corazón. Tamén é á medida do meu. Ese precioso Lugo entre murallas conmóveme cada vez que o visito, e máis des que me faltan amigos irrepetíbeis como Celestino, Fole, Benxamín Casal… Alberto Cortez cantaba “cuando un amigo se va, queda un espacio vacío, que no lo puede llenar la llegada de otro amigo”. É certo, nin sequera un amigo como Paco Pestana, tocado coa chispa da xenialidade en todo canto fai e di; nin sequera Suso, o mesoneiro artista, erudito, mago, home bo e de humor exquisito; nin a xente do Museo, nin os colegas do xornalismo, nin os animadores culturais, nin outros vellos amigos, poden encher o baleiro que deixaron os familiares e amigos ausentes; e Lugo é para min máis entrañábel cada día.
Eis as razón polas que quixen doar ao Museo Provincial de Lugo tres dos meus mellores debuxos: os retratos de Ramón Piñeiro, Celestino Fernández de la Vega e Paco Pestana, feitos á témpera sobre papel e con tres estilos diferentes. Ninguén ten nada que agradecerme. Son eu quen está agradecido á cidade polo moito que a cidade me deu e segue a darme.