Puntadas sen fío: A Revolución Pensionista

A Revolución Pensionista por Siro
A Revolución Pensionista por siro

Poucos días despois de proclamarse a Segunda República atopáronse en Madrid os escritores Julio Camba e Josep Pla. O catalán acudira á capital para exercer de xornalista e o galego coa esperanza de obter unha embaixada. Non a conseguiu e, cando volveron encontrarse, Camba, amoucado e enrabechado, augurou o fracaso da República por confiar en incompetentes. Tamén en 1977, despois das primeiras eleccións democráticas, chegou ao Parlamento unha maioría de deputados que, por falta de experiencia e de formación política, só podían premer o botón nas votacións e procurar non moverse para saír nas fotos dos respectivos partidos, pero os electores demócratas non lles pediamos máis. Abondábanos que fosen honestos e desmontasen o franquismo. E así foi mentres gobernou a UCD. Despois desapareceu o idealismo e a «clase política» converteuse en «casta política», con privilexios que para si quixeran os Brahmans na India.

Certo que, desde febreiro do ano 2016, deputados e senadores xa non teñen un plan de pensións pagado con diñeiro público, nin seguros de vida e invalidez, nin axudas ás súas viúvas e orfos, nin a posibilidade de seguir en alta na Seguridade Social se deixan de selo con idades superiores aos 55 anos. As mesas do Congreso e do Senado suspenderon eses privilexios cando varios deputados de Esquerda Unida e UPyD renunciaron a eles e deixaron aos demais en evidencia; pero quédanlles máis e queda unha actividade parlamentaria degradada, corrompida, da que as vítimas da crise nada poden esperar. O debate das pensións fíxome lembrar a un paisano meu, coñecido por «o Triste», que pasaba fame negra e un día botou man a un salchichón nunha tenda de ultramarinos e saíu correndo. Os gardas pillárono, levárono ao cagarrón e foi xulgado por roubo. En intervencións elocuentísimas, o fiscal presentouno como «perigoso delincuente» e o avogado como «vítima da inxustiza social». Picáronse os letrados e cruzáronse espléndidas pezas oratorias e, ao remate, cando o xuíz preguntou ao acusado se tiña algo que dicir, o Triste, home de pouquísimas palabras, comentou:

-¡Moito falan! ¡Falan de cheos!

Tamén as nosas señorías «falan de cheos» e os xubilados, cansos de oílos, enchen rúas e prazas en toda España para esixirlles a satisfacción duns dereitos gañados nunha vida de traballo. É a revolución pensionista, que debe levar á rexeneración moral dun sistema político corrupto, do que todos somos responsábeis. Eu xa me afiliei a unha asociación de xubilados e a miña pancarta advirte: ¡Volvemos!

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies