Puntadas sen fío: Xornalismo e masas

Periodismo y masas por SiroDicía Mariluz Ferreiro en La Voz de Galicia o pasado mércores que unha rotativa en funcionamento é para moitos xornalistas coma unha inxección de adrenalina no corazón. Eu son deses. Tiña 42 anos cando deixei a profesión de técnico da construción naval para dedicarme ao xornalismo, e a primeira noite que pasei na redacción para ilustrar os resultados dunhas eleccións, despois de cear un bocadillo cos compañeiros, ao volver á casa cun exemplar da primeira edición, coa tinta aínda fresca, pensei que o xornalismo é a profesión máis fermosa do mundo. Aínda o penso, e por iso dóeme e avergóñame ler, no mesmo xornal do pasado mércores, que a rapaza de Boiro asaltada polo Chicle pediu protección á xuíza ante o acoso das televisións.

A información da actualidade é vertixinosa e absurda. Noticias de primeira páxina en todos os medios, un día e outro, deixan de selo en canto se produce outra de impacto semellante. O drama do submarino arxentino perdido e o escándalo do concello de Ponteareas, onde un pleno municipal acordou gratificar os funcionarios que non faltasen ao traballo, son exemplos que xa pertencen a un pasado remoto. A actualidade imponse mesmo na prensa escrita, dirixida a un público que demanda información rigorosa; pero en espazos de televisión nos que a audiencia é a «masa» que Ortega soubo ver cando empezaba a rebelarse e impoñerse, as imaxes da actualidade, mellores canto máis novidade e impacto causen, sonpanem et circenses e garantía de éxito.

Cómpre recordar a advertencia de Ortega de que a división da sociedade en masas e minorías excelentes non é unha división en clases sociais, senón en clases de persoas, e que en cada clase social hai masa e minoría. No desastre do Prestige, a redacción de La Voz de Galicia ofreceu unha información tan veraz e didáctica que obtivo importantes premios internacionais; porén, cando as manifestacións arranxadas na Coruña pasaban ante a delegación da Voz, cen ou douscentos manifestantes berraban un «¡Uuuuuuh!» de desaprobación. Non lían a información, pero eran masa.

Se a prensa escrita pasa das masas na medida do posible, nos programas de televisión que se dirixen a elas procúrase compracelas, aguilloándolles o morbo. A rapaza de Boiro, agredida por un bárbaro, está a selo agora polas televisións. Ninguén que sinta o xornalismo pode ficar indiferente, e as asociacións da prensa e os colexios de xornalistas deben denunciar e condenar o acoso. Esíxeno os códigos deontolóxicos e os tratados de ética e xornalismo, que invocamos cando nos convén.

A Xustiza teno máis difícil. Hai moita literatura xurídica sobre o conflito entre o dereito á información e o dereito á intimidade, de aí que as palabras do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, recordando que a rapaza é unha vítima e a situación que está a vivir faina sentir peor, máis parezan de bispos que de xuíces.

Confiemos en que a xuíza a protexa e ordene o cese do acoso. E se non cesa, aplíquese o artigo 172 do Código Penal, moi claro ao sinalar as sancións a quen acose a unha persoa e altere gravemente a súa vida cotiá.

1 comentario en “Puntadas sen fío: Xornalismo e masas

  1. Es cierto que ser periodista,como dice la altora,es la mejor profesión pero,se unen periodista,además de todo lo que Siro es,es todavia más difícil.Que suerte tenemos los lectores,de que el Gran Siro,dejará la Bazán,por el arte y la literatura.Enhorabuena por hacerlo y hacernos disfrutar de lo que sale de tu cabeza y lo lo reproducen tus manos.Apertas

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies