Puntadas sen fío: ¡Paula Quinteiro somos todos!

Paula Quinteiro por Siro
Paula Quinteiro por Siro

Estou conmovido, confésoo, ante a mostra de solidariedade que o grupo parlamentario de En Marea mostrou coa deputada Paula Quinteiro ao rexeitar a dimisión que lle esixiu ese novo inquisidor da política galega que é o portavoz Luís Villares.

Porque, ¿que mal fixo Paula Quinteiro para que o inquisidor Luís Villares lle esixa a dimisión? Defender a uns amigos algo vándalos que se negaban a identificarse ante a policía cando nunha intensa noite de espellos rotos esnaquizaban a botellazos os retrovisores dos coches nunha rúa de Compostela. Home, é verdade que ao chegar a policía, alertada por un veciño, un dos rompecoches lles chamou «policías fillos de puta» e púxolles a figa dando ao brazo un xiro á remanguillé; pero xa se sabe que os policías teñen que ser coma os árbitros. Un que quería ser árbitro foise inscribir nun cursiño da federación e o funcionario a quen se dirixiu berroulle a outro: «¡Manolo, ven atender a este fillo de puta!». O home, cabreado, protestou: «Oia, ¿a quen chama ‘fillo de puta’?». E o funcionario, sen perder a calma: «¡Manolo, non veñas que este non vale!». Pois os policías o mesmo, e non pode ser que se quince mozos comprometidos politicamente -ollo!, que algún día poden ter nas súas cacholas os destinos deste país- desafogan o idealismo patriótico nos retrovisores duns cantos coches, apareza a brutalidade policial poñendo no chan ao que lles chamou «fillos de puta» e lles largou a cornamenta, porque se negou a identificarse. Ante esta situación Paula Quinteiro fixo valer a súa condición de deputada: «Estades secuestrando o meu labor parlamentario e tedes que saber que eu teño un réxime especial. Vou interpoñer unha interpelación parlamentaria ante o Parlamento galego pola actuación policial». Tamén é verdade que recolleu do chan e gardou no bolso o teléfono móbil co que a policía grava imaxes de leas e liortas, pero foi sen mala intención, que pensou que era dun colega rompecoches.

Con todo, o que máis me chega á alma é a actitude maternal que con Paula Quinteiro mostrou Carmen Santos, secretaria de Podemos en Galicia, cando dixo: «Por tacticismo político non se lle pode esnaquizar a vida a unha moza. Paréceme inhumano». ¡E tan inhumano! ¡É que, se despois do tempo que leva Paula Quinteiro cobrando 4.800 eurazos ao mes como deputada, ten que volver a un salario de auxiliar de enfermería, arruínanlle a vida! E o inquisidor Villares, groña que groña, veña a querer chimpala. Non ten corazón.

Certo que ela debería pensar a noite dos espellos rotos que eses 4.800 eurazos pagámosllos os donos dos coches atacados, os policías aldraxados, a xente de ben… e non os seus amigos «machotes da materia inerte»; pero é que ten 27 anos, home. Criaturiña. E se, como di Carmen Santos, xa «pediu desculpas sinceras e honestas», ¿por que Villares vai preguntar ás bases de En Marea se hai que chimpala ou non? Ademais de inquisidor, demagogo.

1 comentario en “Puntadas sen fío: ¡Paula Quinteiro somos todos!

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies