Entroido, cartel e Papa

Non coñezo a Guitián, autor dos carteis do Entroido coruñés, pero felicítoo por ter unha idea orixinal e realizala con acerto. Facer catro carteis –cartaces en bo galego- para representar a dous cidadáns disfrazados de María Antonieta e Enrique VIII; outros dous de león e cocho, celebrando as festas en paz e harmonía; e outro dun Papa en zapatillas, cun papamóbil ao lombo e unha copa na man; debuxados todos con graza e estilo moi actual, supón unha aportación valiosa e anovadora na cartelística destas festas.

Os carteis deberían contribuír á feliz celebración do Entroido, de tanto arraigo na cidade, pero o bispo de Santiago sentiuse molesto polo cartaz que representa a un home disfrazado de Papa, e fíxoo saber á opinión pública. O bispo dixo que ese cartaz dá unha “imagen del pontífice que ni se corresponde con la realidad ni guarda relación alguna con la celebración lúdica que se publicita”.

¡Claro que a figura do cartaz non corresponde á figura do Papa! ¡Porque non é o Papa, senón un choqueiro disfrazado de Papa! E se non é o Papa, non hai ofensa posible e toda discusión é absurda.

O xogo de dislates carnavalescos chegou ao cumio coa imputación do concelleiro de Cultura, despois da denuncia dunha asociación de viúvas de Lugo, que, sen dúbida, viron ao Papa Francisco no cartaz. Non é –repito- o Papa Francisco, pero aínda que fose, non deixaría de ser unha caricatura festiva, propia da celebración lúdica do Entroido, na que as burlas aos poderes –incluído o da Igrexa- son unha constante.

Poucas veces como neste caso o escándalo está no ollo que mira. Se monseñor Julián Barrio pensa que ese candoroso cartaz do Entroido coruñés “ofende, gratuitamente, a cuantos, católicos o no católicos, sienten un respeto profundo y sincero por la persona del Papa, ¿que pensará da malévola caricatura que Gian Lorenzo Bernini fixo ao Papa Inocencio XI, xa velliño e deitado na cama? Porque Bernini, o xenial arquitecto, escultor e pintor do barroco italiano, autor da columnata de San Pedro e da éxtase de Santa Tareixa, entre tantas outras obras mestras, caricaturizou ao Papa, tan cruelmente, que semella unha langosta ou un saltamontes. Era a fins do XVII e estaba vixente o rigor da Contrarreforma, pero non houbo viúvas, nin bispos ofendidos e non pasou nada. O humor, cando se disfruta sen prexuízos nin reservas, alimenta a intelixencia e o espírito.

No que ten razón o bispo de Santiago é en afirmar que os símbolos relixiosos non deben ser utilizados para divertimento en celebracións lúdicas. Certo. Nin os símbolos, nin os dogmas.  Do que discrepo frontalmente é de que o Papa e os bispos non deban ser obxecto de bromas. Eu fixen numerosas caricaturas de cinco Papas e de varios cardenais e bispos –unha de monseñor Julián Barrio, por certo, e gustoulle tanto que pediu o orixinal e regaleillo-, e penso seguir facéndoas. Unhas serán amábeis, outras ferozmente críticas, e outras divertidas; pero fareinas, porque o mesmo que o señor bispo poderían argumentar gobernantes, militares de alta graduación, maxistrados, banqueiros e empresarios de éxito; co que os protagonistas das caricaturas quedarían reducidos a alcaldes de pequenas vilas, coengos e curas párrocos, suboficiais do exército, xuíces de paz, de instrucción e primeira instancia, e empresarios en bancarrota. Esa sociedade clasista sería moi pouco cristiá e eu non me divertiría.

Deixa un comentario