O Museo de Belas Artes da Coruña exhibe, ata o vindeiro 13 de xaneiro, unha mostra monográfica con máis de duascentas obras do artista galego.
Quen posúa un mínimo de sensibilidade para a plástica, e vexa no Museo de Belas Artes da Coruña a exposición antolóxica de Antonio Tenreiro, saberá que está ante un gran pintor. Antonio Tenreiro foi un gran pintor por varias razóns. A primeira, porque sabía que é arte e que non é arte; un saber imprescindible para non quedar no oficio e na habilidade. A segunda está no coñecemento profundo que tiña dos movementos artísticos e da obra dos grandes creadores. A terceira haina que buscar no rigor da súa formación, que o levou a ser un virtuoso no debuxo da paisaxe e a dominar todas as técnicas na pintura. A última razón é a do talento natural, a capacidade de aproveitar todo o anterior para crear unha linguaxe plástica persoal, deixarse levar pola intuición e transformar a realidade en obra de arte.
Perico Vasco describe no catálogo a traxectoria que Antonio Tenreiro seguiu desde as primeiras exposicións naquela Coruña dos primeiros anos corenta, con Lago Rivera e Labra, que tanto escandalizaron ao público polo que tiñan de anovadoras, ata os anos en Madrid, compartindo experiencias cos membros da Escola de Vallecas, as viaxes por Europa, e a volta á Coruña para facer compatíbeis pintura e arquitectura. É unha análise que nos axuda a entender a variedade na obra de Tenreiro no museo, que mesmo pode semellar de varios artistas.
Porque hai un Tenreiro, mozo de quince e dezaseis anos, fondamente lírico, que recolle en óleos e acuarelas impresionistas as imaxes do seu mundo afectivo en Cabanas e Pontedeume, e que cando chega a Madrid para estudar arquitectura é xa un mestre da acuarela, que pode crear obras deliciosas coa neve da Moncloa ou con edificios a medio facer. Ten só 23 anos, pero é xa un pintor con man e con oficio. Coido que nesta acelerada formación tivo moito que ver a nai francesa, porque Antonio viaxou a Francia durante a infancia e a adolescencia, e fíxoo cos ollos moi abertos.
Tanto como Monet debeu de impactalo Benjamín Palencia, porque hai obras do Tenreiro dos vinte anos que asinaría o artista manchego. Porén, aquela experiencia foi só unha etapa no proceso de formación, porque as cores vivas de Benjamín Palencia non ían coa sensibilidade do galego. Igual lle pasaría ao descubrir o expresionismo de Kirchner e Rottluff, aos que estudou e seguiu valorando cando xa estaba lonxe deles.
As pinturas negras
As pinturas negras explicounas Tenreiro como un xeito de recoller plasticamente a España escura dos anos cincuenta e sesenta. Pode ser, pero penso que Antonio estaba moito máis preto de Braque que de Picasso, e que certos bodegóns e paisaxes do francés o converteron no seu último referente europeo. O penúltimo debeu de ser Dufy.
En calquera caso, todo iso é parte da obra de Tenreiro, valiosa ademais; pero por riba está o Antonio Tenreiro madurecido, en plenitude creativa dos últimos corenta anos; o dos óleos de interiores, vistas da ría, tellados e bodegóns; táboas e lenzos de delicadeza exquisita, en pequeno e mediano formato, pero grandes leccións de pintura e de arte todos eles.
Hai que felicitar á dirección do Museo de Belas Artes da Coruña por esta feliz iniciativa, que sería magnífico repetir en Madrid e Barcelona.
ANTONIO TENREIRO (1923-2006)
Monográfica con 200 obras
Museo de Belas Artes da Coruña. Ata o 13 de xaneiro.