González Collado

González Collado
González Collado por Siro

Pasei o Nadal na serra de Madrid e ao volver entereime do falecemento de González Collado. Sorprendeume porque, aínda que tiña unha idade avanzada -91 anos-, víao tan activo e optimista que non pensaba que podería deixarnos un día calquera. E así foi. Ademais do sentimento de pesar pola desaparición do amigo, quédame a frustración de non poder cumprir o compromiso con el contraído hai varios anos e que, incomprensiblemente, fun demorando ata hai poucos días.

No ano 2009 mostrei na sala da Autoridade Portuaria de Ferrol unha exposición homenaxe a Ramón Piñeiro, que xa levara por varias cidades galegas. Collado asistiu á inauguración e despois dunha amena conversa sobre arte, pintura, retrato e caricatura, comprometinme a facerlle unha caricatura e un retrato de  calidade semellante ás obras expostas. Días despois vímonos no seu estudo, tireille varios bosquexos e fotos, gardeinos nunha carpeta e non os toquei ata comezos do pasado mes de Nadal, cando debuxei a tinta dúas caricaturas en formato A3, que a min me deixaron satisfeito e estou certo de que a el lle encantarían. Quixen levarllas antes de saír de viaxe, pero non puiden e decidín darllas á volta e poñerme co retrato.

A miña relación con Collado empezou antes de coñecelo. De neno oía falar del na casa porque os meus pais eran amigos dos sogros e Fina, a muller, amiga da miña irmá, Despois, cando de rapaz facía algún debuxo de liña, sempre había alguén que me comparaba con Collado e eu –aínda que nunca se me ocorrera facer da arte a miña profesión- sentíame fachendoso.

Anos despois, ao relacionarme cos pintores ferroláns da xeración de Collado, descubrín que moitos deles o valoraban como artista pero aborrecíano como persoa. E cando el e Fina –a encantadora e gran ceramista Fina Pena- volveron a Ferrol para quedar, comprendín por que. Dos pintores ferroláns, Collado admiraba a Ricardo Segura Torrella, de quen dicía que era “un xigante”; pero desprezaba a todos os demais e podía ser extremadamente cruel ao xulgar as súas obras. Era “unha pose”, incomprensible e absurda; pero como nunca tivo propósito de emenda, había que aturalo ou aborrecelo. Eu atureino porque me sinto atraído polos personaxes peculiares e Collado era un deles.

Ao pouco de fixar a residencia en Ferrol quixo facerme un retrato. Levoume ao estudo, preparou un cunco de augatinta, esfolou un palillo para usalo como pincel e empezou a debuxarme, Non ben empezou, díxome: “Vouche facer un retrato de verdade, non unha porquería de retrato de liña”. Botei unha gargallada porque retratos de liña eran os que eu facía. Anos despois levei ao Torrente Ballester a miña primeira mostra de pintura. Collado asistiu á inauguración pero non me dixo nada e cando María Manuela lle preguntou que lle parecían os meus cadros, respondeu: “Están moi ben enmarcados”. Era certo.

Pasaron varios anos e colguei outra exposición de debuxo e pintura na desaparecida Galería Sargadelos. Pepe e Fina estiveron na inauguración e cando rematou o acto, el, sen erguerse da silla, chamoume como un pai a un neno pequeño: “A ver, ven aquí, que che vou explicar unha cousa”. Fun, sentei a carón del e sinalou co índice un gouache grande no que Picasso pintaba unha modelo espida. Díxome:  “Ese é un gran cadro porque nel hai debuxo, hai pintura e hai composición. Eso é o que tes que pintar ti e non perder o tempo coas paisaxes”. Despois fixen a exposición de Piñeiro no Porto e, sorprendentemente, Collado veu cabo de min, conmovido, e, ante varias persoas, eloxioume como nunca imaxinei que puidese facelo. Era outro Collado irrecoñecible: un Collado humilde.

Entre os meus proxectos para o ano 2018 estaban o de entregarlle as dúas caricaturas, facerlle o retrato ao óleo e arranxar unha mostra de paisaxes en Ferrol e pedirlle que ma presentase. Estou certo de que riría e aceptaría.

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies