Alonso Montero presidente de la Real Academia GalegaAlonso Montero presidente da Real Academia Galega

Xesús Alonso Montero

Artículo disponible en galego


Xesús Alonso Montero

Xesús Alonso Montero e Manolo González competiron pola presidencia da Real Academia Galega. Os dous son amigos meus, e aos dous felicitaría con idéntica cordialidade, fose quen fose o gañador.

Á sensibilidade e á intelixencia de Manolo González, director do Centro Ramón Piñeiro, débolle a posibilidade de realizar unha exposición sobre a figura de Ramón Piñeiro, no ano 2009, cando a Academia lle adicou o Día das Letras Galegas; a mostra máis sentida de cantas fixen na miña vida.

Á Xesús, amigo de vello, débolle eso: unha amizade leal e xenerosa desde o mesmo momento en que nos coñecemos, unha tarde, en Ferrol, na librería Helios. Empezaba eu a exercer de humorista gráfico na revista Chan, cunha serie de debuxos que Borobó, o director, titulou “Os nenos de Siro”. Aquel día Xesús ofreceume a posibilidade de recoller as miñas viñetas nun libro, que el prologaría. A idea non foi adiante porque non me atrevín, porque me deu medo convertirme en autor. Pero Xesús seguiu de perto a miña traxectoria e contou comigo na celebración de actos inesquecibeis. Foi el quen me levou a falar de Castelao á Universidade de Braga; e de Luis Seoane á de Guimaraes; e foi el que me invitou a participar nun seminario sobre García Lorca na de Compostela… Eu, caricaturista profesional, desexaba corresponder a tantas mostras de afecto cunha excelente caricatura, pero non había maneira. Fíxenlle varias, pero ningunha boa. Ata que un día, pechei os ollos e vino. Non sei se abrín os ollos para debuxalo ou se o fixen a cegas, pero no papel apareceu “a vera efixie” do meu Xesús Alonso Montero. O deseño, é de hai dez ou doce anos; pero vale para o día de hoxe, porque, aínda que el o nega, Xesús fixo daquela un pacto co demo.

Deixa un comentario

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.