Puntadas sen fío: Gila

Gila por Siro
Gila por Siro

O pasado día 12 foi o centenario do nacemento de Miguel Gila e os medios de comunicación recordaron as viñetas humorísticas que fixo para as revistas La Codorniz e Hermano Lobo e os monólogos que, teléfono en man, ofreceu nos escenarios de España e Hispanoamérica primeiro, e nos platós de televisión despois. Coma o dos grandes creadores, o humor de Gila non perde vixencia e cada nova xeración goza da orixinalidade, a gracia e o enxeño con que engaiolou á miña, nos anos cincuenta e sesenta. Eu vino por primeira vez en 1958, na TVE inaugurada dous anos antes, que emitía cun sinal que non sobrepasaba os límites de Madrid. En 1957 a SEAT empezara a fabricar o 600 e Gila saiu na pantalla coa gorra calada ata as orellas e rindo con risa enorme, para dar a imaxe de paleto. Logo colleu o teléfono e chamou;

-Oiga, ¿es la fábrica de coches pequeñajos, esa de Barcelona?

-Pues llamo porque estoy interesao en un coche. Sí. ¿Cuánto cuesta?

-¿Tantoooo…? Y si pongo yo la chapa pa la carrocería, ¿me harán un descuento…?

-Es que tengo en casa una lata de membrillo y podrían aprovecharla.

-Otra cosa. El motor, ¿cuántos caballos tiene?

-¿Un perrooo…? Entonces, ¿qué se le pone: gasolina o huesos?

O monólogo, divertidísimo na súa interpretación, seguía nesta liña varios minutos, pero foi visto e non visto porque nunca o repetiu e os fogares de Madrid con televisor eran escasísimos.   

Gila foi un cómico extraordinario pero hoxe quero recordalo cunha vivencia allea ao humor, que lle oín contar a mediados dos anos noventa. Circulaba por Madrid no seu coche e, ao se deter nun semáforo, ollou, distraído, a un motorista moi novo que parara a carón seu. Ao sentirse observado, o rapaz berroulle: “¿Qué te pasa?”. Gila ofreceulle un surriso de boa vontade como resposta e o mozo cuspiulle na cara e arrincou a moto. Gila contábao e comentaba: “Hay mucha violencia. En la juventud hay mucha violencia”.

O mesmo diría hoxe ao saber que Andrés “Manos Ligeras”, o rapaz de Pontevedra que en 2015 zorregou unha puñada ao presidente Rajoy, foille ao lombo, hai poucos días, a un militante de Vox, que repartía propaganda do partido, sen que a esquerda condenase a agresión. Gila pensaría –supoño- que cambiou a nosa circunstancia e os españois xa non queremos matarnos uns a outros, pero da lección da Guerra Civil aprendemos pouco. Hai un mes podería coller o teléfono e facer outro monólogo:

-¿Es la guerra?

-¿El Parlamento? Bueno, vale igual.

Agora tampouco entendería a violencia verbal dos candidatos a presidir o próximo goberno, convencidos de que á Moncloa non se chega con programas, senón con aldraxes. Pasmaría co xuízo aos independentistas cataláns, no que acusados e representandes do Goberno negan a violencia propia e denuncian a dos outros, e vería unha metáfora do Procés naquel abrigo de don Antonio Machado que el chamaba la venganza catalana porque fora fabricado en Catalunya, pesaba moito, abrigaba pouco e podía cepillalo o día enteiro, que sempre lle quedaba máis po do que lle quitaba.

E non digo nada da violencia machista, da pederastia e das outras violencias nas que non cabe o humor, porque Gila sabía ben que sen humor non hai esperanza.

Deixa un comentario