Celestino Fernández de la VegaCelestino Fernández de la Vega

celestino fernandez de la vega por siro

 Cando no ano 1969 lin e relín O segredo do humor sentínme deslumbrado e orgullosamente galego. Xamais tivera nas mans un estudio tan rico e rigoroso sobre unha materia que me interesaba tanto. Pouco despois empezaría a publicar os meus primeiros debuxos de humor na revista Chan, editada en Madrid e dirixida por Borobó, e a lectura demorada da obra de Celestino Fernández de la Vega axudoume a atopar o camiño a seguir.

Non tratei a Celestino ata o ano 72, cando coincidimos no Seminario do Libro Galego, que se celebrou no Castro, en Sada, coa participación de importantes personalidades da cultura galega, e se a lectura do seu libro me deixara fondamente impresionado, as primeiras conversas co autor fixéronme comprender que non esaxeraba Ramón Piñeiro, o seu entrañable amigo, cando mo describía como unha das mentes máis analíticas do país e como unha das persoas con máis ampla formación cultural. Plantexeille algunhas das moitas preguntas que a lectura de O segredo do humor me suxerira e, como o diálogo abrira o meu apetito de saber, semanas despois fun pasar uns días a Lugo para estar perto del e seguir tratando dunha materia que ía ter moita máis importancia na miña vida do que daquela poidera parecer.

O Cilistro -así o chamaba sempre Piñeiro- e María Luísa, a súa muller, acolléronme con extraordinaria cordialidade, abríronme a súa casa e regaláronme o seu tempo. Foi Celestino quen me presentou a Ánxel Fole e a Pepito Gayoso, quen me guiou polo Museo Provincial e quen me levou a Santa Eulalia de Bóveda.  Con el volvín sentir a cidade de Lugo, tan próxima a min por fortes lazos familiares, como algo propio e entrañable e coido que a este estraño engado que aínda hoxe exerce en min a cidade entre murallas non é alleo o privilexio que supuxo ter un cicerone como Celestino Fernández de la Vega.

Coincidimos en ocasións tan sinaladas como a do ingreso de Marino Dónega na Real Acadenia Galega, no 1973, ou na exposición de Grosz en O Castro, Sada, no 1975. Estivo en todas as miñas exposicións e conferencias en Lugo, e nalgunha ocasión fíxome a  honra de ser o meu presentador. Non foi a nosa unha amizade alimentada pola convivencia, pero si foi firme e permanente. Tiñamos  en Ramón Piñeiro un intermediario e a través del dialogabamos. Sempre contei coas súas palabras de ánimo para levar adiante os meus estudios sobre o humor gráfico e a caricatura en Europa, e a repercusión que determinados movementos tiveron en Galicia.

A Consellería de Cultura pediume un libro sobre Celestino Fernández de la Vega e confeso que dubidei en aceptar o encargo, porque sei que hai persoas moitísimo máis capacitadas ca min para tratar da súa obra.  Aí está o espléndido traballo de Carlos Fernández recollido no libro O pensamento epocal de Celestino Fernández de la Vega, que obtivo o premio Ánxel Fole no ano 88, e tantos outros de distintos autores, publicados na revista Grial. Se me decidín a emprender esta tarefa foi pensando en que os amantes da filosofía son quen dispoñen de máis material para estudialo, pero que o home Cilistro, a pesar do seu engado, segue a ser un grande descoñecido, mesmo para a mocidade do Lugo que tanto amou. Propóñome, pois, un labor de achegamento á súa figura e á súa complexa personalidade  para llo presentar á Galicia máis nova. Conto coa axuda inestimable doutros amigos comúns que me axudarán a tracexar este deseño, que confío en que terá máis de retrato fiel ca de esaxerada caricatura.

Para continuar a lectura de Celestino Fernández de la Vega escríbanos a info@siroartista.com

Deixa un comentario

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.