Un neno chamado Marc Chagall

Chagall na Coruña

A Fundación Barrié trouxo á Coruña unha excelente mostra de gravados de Marc Chagall, que, por mor das medidas contra a pandemia, non puido visitarse a maior parte do tempo programado. Porén, algúns admiradores de Chagall atopámonos varias veces na sala de exposicións a partir do momento en que se abriu ao público.

Marc Chagall

Pareceume oportuno escribir uns folios sobre o que eu penso de Chagall e da súa arte. Non falo da obra de ceramista, porque non podería aportar nada orixinal; nin dos vitrais da Sinagoga do Hospital Hadassah, en Xerusalén,  porque non os vin e, sen velos ao natural, bañados de luz, nada se debe dicir. O pintor Rafael Úbeda, que estivo na Sinagoga moitas veces, a distintas horas do día, di que a emoción estética que sentiu ante elas, non volveu a vivila. Créollo.

Un neno xudeo en Rusia

“Pinta ben a túa aldea e serás universal” – Leon Tolstoi

Quen cre que a posición dos astros e os acontecementos producidos ao chegarmos ao mundo marcan o noso destino, ten motivos abondo para especular sobre o decorrer vital e artístico de Marc Chagall, nado baixo o signo de Cáncer nunha casa humilde do barrio xudeo da pequena cidade de Vitebsk, en Rusia, e con dúas curiosas circunstancias: naceu cando o barrio empezou a arder, e morto. O incendio tardou en ser apagado, pero apagárono; e o neno tardou en alentar, pero fíxoo e viviu 98 anos.

Os nados baixo o signo de Cáncer son tímidos, sensíbeis, ambiciosos, teimudos e seguros de si. Chagall era todo iso e algo máis que non di o horóscopo: infantil. Si, a Marc Chagall dáballe medo ser maior e, sobre todo, levar barba; así que nunca medrou por dentro e sempre levou a cara afeitada. Para entendermos a obra artística de Chagall cómpre ter en conta esta peculiaridade: é a obra de quen pinta, grava e modela coa liberdade dun neno.

Un neno estraño, de aspecto afeminado e tatexo, incapaz de aprender e facer nada ben, pero que descubriu axiña a vocación de pintor e tivo claro como non quería pintar. Cando a nai o levou á escola do señor Pen, un pintor académico, a boa muller viu aqueles cadros pendurados nas paredes, e comentoulle: -Ti nunca pintarás así. O neno Chagall pensou: -Así, seguro que non.

E empezou a pintar ao seu xeito a familia: a nai diminuta e tenra; o pai, con barba nunca recortada; a avoa materna e o avó paterno, que enviuvaron e casaron entre eles. Cando o avó desparecía pola noite, atopábano no tellado, ollando as estrelas e comendo cenorias. Pintou o tío que o levaba no carro a recoller o gando; a tia que facía queixo e dáballo a probar. O tío morreu, a tía pechou a tenda de queixos e as cabras botáronse a chorar. Contouno Chagall no libro A miña vida, en 1922. Tamén contou que cando soubo dun parente que paseara polo barrio sen máis roupa que a camisa, o corazón enchéuselle dunha ledicia soleada. Era un neno de 35 anos, que viña de fracasar no intento de apoiar a Revolución en Rusia, pero volvía coas conviccións máis firmes e sen perder un chisco do seu sentido do humor. Chagall é un extraordinario ilustrador-humorista e a súa obra unha serie de recordos da infancia, nos que a melancolía se oculta nun pudoroso surrir: “Non me importa que a xente descubra nas aventuras inocentes da miña familia o segredo dos meus cadros”.

Aprender a pintar

“A voda rusa” (1909) Marc Chagall

Dicir que Chagall pintaba coa liberdade dos nenos, non é dicir moito. Con liberdade si, pero como? Se empezou a pintar en 1907, con 20 anos, ademais da técnica aprendida dos profesores, tería algúns referentes. En Rusia tiña dous: a arte popular e a relixiosa, a dos iconos. Non lle interesaron porque a arte popular prescindía do refinamento da cultura e el era de gustos requintados; pero non relixioso. Tampouco as clases co pintor León Bakst, aberto ás tendencias modernas da arte occidental, se fixeron notar gran cousa nos primeiros óleos, de cores ocres e verdes escuros; sen luces.

Daquela, como pintaba? Con masas de cor sen o soporte do debuxo. Chagall, que, por rexeitar o naturalismo na arte, non conseguira levar ao papel o busto de Voltaire, exercicio obrigado na escola, non era aínda un bo debuxante. Tiña, si, orixinalidade e gracia; mostraba talento; pero ninguén podería imaxinar que en poucos anos se convertiría nun debuxante excelente e nun dos grandes coloristas da historia da arte.

Foi en París, en 1910, cando Chagall descubriu a luz, a cor, e, o máis importante, o camiño a seguir como creador de arte: “As raíces da miña arte estaban en Vitebsk, pero, como unha árbore necesita a auga, a miña arte necesitaba de París, para non murchar e morrer”.

En París descobriu o impresionismo, o fauvismo, o cubismo. Das tres expresións artísticas aprendeu e fixo algúns lenzos de inspiración cubista; pero non tardou en comprender que o cubismo limitaba a súa creatividade, e deixouno. O surrealismo interesoulle menos porque entendía que el era surrealista antes que o seu amigo Apollinaire apadriñase o movemento.

“Eu e a aldea” (1911) Marc Chagall

Un artista diferente

Levaba un ano en París cando pintou o óleo Eu e a aldea, que supuxo a eclosión da súa xenialidade. As obras desa década xustificarían o recoñecemento internacional que chegou a acadar. Un feito curioso é que cando tratou temas urbáns ou da súa vida actual, a pintura ten o soporte dun debuxo coidado, e cando volve á temática de Vitebsk e a súa xente, desdebuxa. Fìxoo sempre.  Pero en 1920 encargáronlle os deseños para os tapices do Teatro Xudeo de Moscú e Chagall procedeu á depuración e estilización das formas confusas dos personaxes de Vitebsk e creou una iconografía única pola perfección da liña, a orixinalidade da composición e a gracia, mesmo a comicidade, dos personaxes. É a obra suprema do ilustrador e humorista gráfico Marc Chagall.   

Dous anos despois, rematada a experiencia en Rusia, Chagall falou da fatuidade dos movementos artísticos e da esencia da arte, valéndose dun símil que so a el, un neno grande, podería ocorrérselle: os movementos artísticos son á arte, o que o Papa de Roma, con toda a suntuosidade, é ao Cristo espido.

A crítica seguiu vendo nel un rebelde, un desbrozador de territorios inexplorados, un aventureiro da alma; e falou da complexidade, do misterio, e do “estraño sincretismo” da súa obra. Todo vale agás o do misterio da obra e menos aínda o do sincretismo. Que sincretismo? Onde está “a unión dos opostos” na pintura de Chagall. Non hai opostos; todo é coherente en cada lenzo.

En 1944 publicouse a entrevista que lle fixo James Johnson Sweeney, daquela director do Museo de Arte Moderna de New York, na que desvea “o misterio” da súa arte:

“Para min, un cadro é unha superficie cha coberta coa representación ordenada de obxectos, animais ou seres humanos; sen una lóxica anecdótica. O efecto visual da composición pintada é o primordial.

É tanto así, que a miña primeira intención é construír o cadro arquitectónicamente, como fixeron os impresionistas e os cubistas.

Unha vaca e unha muller son a mesma cousa no cadro: elementos de composición.

No caso da mujer decapitada cos cubos de leite, separei a cabeza do corpo, simplemente porque necesitaba un espazo aberto alí.

Na cabeza grande da vaca, en Eu e a aldea, pintei unha vaca pequena e a muller que a ordeñaba, porque necesitaba esa forma, alí, para a composición.

Pintei vacas, galos e a arquitectura aldea de Rusia porque son parte do mundo en que nacín e deixaron na miña memoria visual impresións más fondas que todas as outras vivencias.En París descubrín a linguaxe internacional, pero procurei manter a forza da miña raíz en Vitebsk.

Son contrario a que se fale de fantasía e simbolismo na miña obra porque o noso mundo interior é real; quizais máis real que o mundo aparente”.

No seu caso, sen dúbida.   

“Tabla13” (1957) Marc Chagall

Os gravados

Chagall admiraba en Picasso a capacidade de crear sen repetirse, de inventar unha técnica e un estilo en cada deseño; e un día pediulle a Apollinaire que os presentase. –A Picasso? Quere vostede suicidarse?- Respondeu o escritor, e non llo presentou. Anos despois, durante a estancia nos Estados Unidos, Chagall escribiu a Picasso e díxolle que lle encantaría gravar con el. Picasso respondeulle que lle parecía unha gran idea e cando se encontraron en París, compartiron taller. A experiencia foi breve. Chagall sentiuse tan maltratado por Picasso que non volveu falarlle e referíase a el como “o español”.  A antipatía era mutua e, endebén, Picasso valoraba a obra de Chagall. Á súa maneira, claro: “A min non me entusiasman eses burros que pinta voando, pero recoñezo que, morto Matisse, non hai outro colorista coma el”.

O maxistral dominio da cor que Chagall tiña, vese nos máis de mil gravados que fixo con técnicas diferentes. A rápida execución da obra permitiulle experimentar e mostrar en cada serie canta intuición e sabedoría había nas sorprendentes combinación de cores. Eu vin nunha gran exposición en Madrid, a totalidade da obra gravada por Chagall e recordo a sensación de estar ante un mago que me levaba, de sala en sala, a mundos diferentes e prodixiosos.

A exposición Fábulas y Sueños, que a Fundación Barrié trouxo a A Coruña permítenos gozar do mellor Chagall gravador. Certo que moitos dos gravados están feitos a unha soa tinta, pero estes descobren cousas tan interesantes como a influencia que Rembrandt tivo na súa formación; ou que, como dixera Malraux, “o gravado” non é “un debuxo gravado”; porque un mesmo bosquexo de Chagall transfórmase en debuxos distintos cando queda en debuxo, ou pasa ao gravado ou á pintura.

Tamén Malraux, o seu amigo, fala da realidade que Chagall viu con ollos de neno: “A súa creación pictórica afirma inxenuamente -pero cunha inxenuidade invulnerable, como a inxenuidade relixiosa-, que as cousas non son o que nós cremos, senón o que elas cren”.

Quizais esa sexa a gran lección de Chagall.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies