Ramón Piñeiro y Koldo Michelena

Ramón Piñeiro
Ramón Piñeiro

Quérovos falar dunha amizade, dunha extraordinaria amizade entre dúas persoas extraordinarias; dous homes con grande vocación cultural que, por un imperativo ético se comprometeron políticamente na oposición ao franquismo cando máis perigoso era facelo: o galego Ramón Piñeiro e o vasco Koldo Michelena.

Piñeiro pertencera de rapaz ás mocidades do Partido Galeguista e o 25 de xullo de 1934, con 18 anos, participara no chamado Mitin das Arengas, na praza da Quintana en Compostela, con Castelao, Alexandre Bóveda, Otero Pedrayo, Suárez Picallo e outros dirixentes. Volvería facelo en 1935.

Polos amigos asasinados, exiliados e represaliados, Piñeiro comprometeuse consigo mesmo a dar continuidade ao seu labor; e, ao rematar a guerra civil, mentres estudaba Filosofía e Letras en Santiago, tentou reconstruír o Partido Galeguista. Ía en coche de liña dunha cidade a outra, sen cartos, alimentándose só das castañas pilongas que levaba nos petos; ata que enfermou dunha úlcera de estómago. Piñeiro era o apóstolo do galeguismo e así o viron os compañeiros, que, en 1945, reconstruían o partido e o nomeaban secretario político.

Desde entón o Partido Galeguista, representado por Piñeiro, participou nas reunión con outros partidos españois e cos nacionalistas vascos e cataláns para que despois da victoria aliada na Guerra Mundial e da caída do réxime franquista, Galicia non poidese ser marxinada.

Nesa estratexia hai que entender a esixencia do Partido galeguista de que no goberno no exilio houbese un ministro galego e que fose, ademais, galeguista. O goberno presidido por Giral entendía que si debería haber un ministro galego e pensaban en Portela Valladares, por razón de prestixio internacional e por amizade con outros membros, especialmente co presidente; pero Piñeiro pasou clandestinamente os Pirineos en marzo do 1946 para defender a candidatura de Castelao, que, finalmente, foi o elixido.

Á volta foi detido nun café de Madrid, nunha reunión clandestina con representantes da Alianza Nacional de Forzas Democráticas. Con el caeron os irmáns Cesáreo e Camilo Saco e o vasco Koldo Mitxelena, do PNV.

Ao se producir a sublevación militar do 18 de xullo, Koldo Michelena entrara nun batallón do Euzko Gudarostea, polo que foi acusado de rebelión militar nun xuízo sumarísimo e condenado a morte en setembro de 1937. A pena seríalle conmutada pola de 30 anos, dos que cumpriu cinco. En Madrid simultaneou, como Piñeiro, os estudos coa actividade política, compartindo a mesma pensión e empezando una amizade fraternal que duraría toda a vida.

Despois da detención, Piñeiro entendeu que, por ser o único sen antecedentes policiais, tiña que declararse responsable da propaganda que a policía atopara na redada, e así o fixo, polo que foi condenado a seis anos de cárcere e Michelena a dous. Koldo Michelena falou sempre con admiración de Piñeiro, no que salientaba a grande intelixencia e a valentía.

En 1948 saíron en liberdade e as súas vidas seguiron camiños moi diferentes. Michelena adicouse á universidade e chegou a ser un mestre no coñecemento do indoeuropeo, disciplina na que foi catedrático na Universidade de Salamanca.

Piñeiro, desde a Editorial Galaxia e, sobre todo, desde a mesa camilla do seu gabinete na rúa Xelmírez, 15, en Compostela, adicouse a manter viva a conciencia galega da xuventude, contra a presión da política centralista do franquismo.

Pero aínda volverían os amigos a coincidir en tarefas importantísimas para ambos. Exprésao moi ben o tríptico das Xornadas celebradas na sede do Consello da Cultura Galega e no Centro Ramón Piñeiro:
“Un e outro viviron intensamente os tempos da transición democrática, axudaron de xeito decisivo a que os seus territorios se constituísen en autonomías e loitaron sempre a prol das linguas galega e éuscara”.

Ao se cumprir o centenario do nacemento de tan notabeis personalidades, os gobernos galego e vasco decidiron homenaxealos en Donostia, no pasado mes de setembro, e en Compostela, os pasados días 10 e 11.

Eu só puiden asistir á sesión matinal da interesantísima xornada inaugural, para participar nunha mesa redonda conducida por Andrés Torres Queiruga, con Alfredo Conde e Marina Mayoral.

Velaí o texto da miña intervención.

Programa das Xornadas.

Deixa un comentario

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.