A Autonomía galega en caricatura

A Autonomía galega en caricatura por Siro
A Autonomía galega en caricatura por Siro

Un día do ano 1984, Santiago Rey Fernández-Latorre propúxome trocar a Oficina Técnica de Bazán pola redacción de La Voz de Galicia para dedicarme so ao xornalismo, e aceptei. Foi un grandísimo acerto. Juan Ramón Díaz, o director, tivo o outro: “Vas debuxar cada día a caricatura do feito político máis importante na comunidade”. Fíxena durante vinteun anos e, para que nada quedase por analizar, botei a vista atrás e ilustrei os feitos máis relevantes desde o comezo da primeira lexislatura, en Nadal de 1981. O de maior repercusión mediática fora a renuncia de Francisco Vázquez á secretaria xeral do PSOE, en 1982, cando o Parlamento decidiu que Compostela sería a capital de Galicia; e trocou a traxectoria dun político que obtería maiorías absolutas como alcalde de A Coruña, nunha comunidade que votaba á dereita.

Facer a historia da Autonomía Galega en caricatura non podía reducirse a crear viñetas divertidas. Debería afondar na noticia e, se era posible, ir máis aló da noticia, con absoluta obxectividade. Tiña onde escoller. Ademais da actividade parlamentaria, estaban as liortas polo control de deputacións, concellos e partidos; as voltas e reviravoltas para crear coalicións… A toma de posesión do presidente Fernández Albor con aquel “Xuro ou prometo”, premonición da súa candorosa idea da política; a inauguración da sede do novo Parlamento, a volta dos restos de Castelao con Xesús Alonso Montero lanzándose coma un tigre sobre o cadaleito, para abrazalo; a campaña electoral de 1985, que presentei como unha nova Guerra Irmandiña… A actualidade dábame temas a ilustrar, pero nunca como aquel 31 de octubro de 1986, cando o vicepresidente Xosé Luís Barreiro e todos os conselleiros presentaron a dimisión ao presidente Fernández Albor. A caricatura representaba a soidade do presidente, na cabeceira da mesa, e as carteiras dos dimitidos. O pé dicía: “O Goberno de Galicia”. Pero Albor tiña un anxo custodio politico, chamado Romay Beccaría, que en cinco días arranxou un novo Goberno con Mariano Rajoy como vicepresidente. O intento tivo continuidade na moción de censura presentada polo PSOE co apoio de CG e PNG, que levou a González Laxe á presidencia dun goberno tripartito. O mesmo día entraban nun xulgado os documentos sobre a concesión do xogo en Galicia, que acabarían coa carreira política de Barreiro. Enténdese que ao recoller nun libro as viñetas daqueles anos, o titulase “Cofrades do cristo da Autonomía”.

A maioría absoluta de Fraga nas eleccións de 1989 e a súa entrada á praza do Obradoiro con 2000 gaiteiros, fixo que durante catro lexislaturas o debuxase coa gaita como símbolo de poder. Ata na campaña electoral de 1993, na que os candidatos eran monstruos do Parque Xurásico, o Fraga Tiranosaurus Rex vencedor, erguía a gaita en sinal de triunfo. Os enfrontamentos entre Romay e Cuíña para ser vicepresidente; a celebración do Xacobeo en 1993, con Julio Iglesias como embaixador; a viaxe de Fraga a Cuba e de Fidel a Galicia, para abraio de presidente Aznar; apareceron nas viñetas. Pero a sorprendente relación cordial entre Fraga e Beiras, en 2002, suxeriume unha das máis celebradas: os dous, compartindo mesa e mantel, dábanse a probar cadanseu postre.

O desastre do Prestige rompeu a relación. Nas viñetas, Fraga chorou bágoas de chapapote e cando Aznar lle esixiu a cabeza de Cuíña, deulla. En maio de 2005 perdeu a maioría absoluta e queimou a gaita. Co bipartito PSOE-BNG “pasou o que pasou” e, ademais, o presidente Pérez Touriño aborrecía verse en caricatura. A perda da saúde levoume á xubilación e non puiden tratar –e ben que o sinto- os gobernos de Núñez Feijoo.

Recentemente, doei ao Parlamento Galego 1500 orixinais. En moitos tiven o privilexio do bufón para dicir en broma o que outros non podían dicir en serio. Sabíao Juan Ramón, o director, cando escribiu: “E aí está Siro para explicar o que non se entende”.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies