Xaquín Campo Freire

Xaquín Campo Freire
Xaquín Campo Freire

Boas tardes.

Cando Cunqueiro estaba xa moi maliño de saúde, fómolo visitar Carlos Casares e eu. O home andaba algo melancólico, pero díxonos que tiña intención de escribir un diccionario de anxos, porque coñecía arredor de 300 polo nome e a biografía dos máis deles. –“Por certo –dixo- que un é de Lugo”.

-“¿Como que de Lugo?-dixemos Casares e eu a dúo-. Pero, ¿logo os anxos non nacen no Ceo?

E Cunqueiro aclarounos: .Os máis deles si, pero algúns nacen entre nós.

Entón eu, tiven así un repente, e pregunteille: -E nesa relación de anxos, ¿ non terás un Xaquín Campo Freire? E Cunqueiro, prudente, respondeu: -Tería que consultar os cadernos, pero non me soa.

Morreu Cunqueiro, o diccionario de anxos quedou sen facer, pero eu intereseime polo tema e souben doutros anxos que Cunqueiro non coñecera. Por exemplo o Anxo Gris, do que escribiu un libro fermosísimo un Cunqueiro arxentino chamado Alejandro Dolina. O libro titúlase Crónicas del Ángel Gris e fala deste anxo, de aspecto vulgar, tan vulgar que semella home, e que reparte soños no barrio bonaerense de Flores. A xente do barrio divídese en dous grupos: o das “persoas sensibles” e o dos “refutadores de lendas”.  As persoas sensibles cren no Anxo Gris e quéreno e disfrutan dos soños que lles regala. Os refutadores de lendas afirman que non hai tal Anxo Gris e nin se enteran dos soños que lles chegan.

O libro de Alejandro Dolina foi para min unha revelación. Se cando saíra de casa de Cunqueiro, viñera todo o camino matinando en que se un anxo que el coñecía nacera en Lugo, a ver por que non ía nacer outro en Roca, a parroquia máis pequena de Guitiriz. Pero despois de ler as Crónicas do Anxo Gris xa non tiven dúbida ninguna porque o que o Anxo Gris facía no barrio bonaerense de Flores, fíxoo  Xaquín en todas as parroquias, vilas e cidades polas que andivo. É verdade que en Ortigueira deu con máis refutadores de lendas que persoas sensibles, pero des que chegou a Ferrol somos moitas máis as persoas que agradecemos os soños cos que nos agasalla e, grazas a eles, somos máis felices.

Eu empecei a gozar dos soños que Xaquín regalaba xenerosísimamente, hai 45 anos, cando a miña casa na Villa Soledad, en Ferrol, se enchía de cregallada. Dunha cregallada galeguista e, por galeguista, soñadora, claro.

Daquela, un home sensible chamado Pepe Chao Rego recibiu a mensaxe galeguista que se respiraba na miña casa e un día escribiu un espléndido ensaio que titulou Eu renazo galego. Era, certamente, un volver a nacer porque a vida que lle quedaba por vivir coa conciencia da súa galeguidade, sería moi distinta á vivida deica entón. Pepe Chao quixo que eu puxese o prólogo a aquel libro e debuxeillo. Unha orixinalidade máis nun libro tan orixinal.

Si, na miña casa en Villa Soledad soñabamos moito e moitos daqueles soños eran regalo de Xaquín, quen, ademais, nos agasallaba coa súa simpatía, con esa gracia enorme que el ten para contar as anécdotas. ¡Cantas risas regalou Xaquín naqueles anos ilusionantes, en que esperabamos chegar a unha terra prometida, chamada Democracia, que aínda estaba detrás do horizonte! ¡Que ben sentaban aquelas risas nas ceas humildes, despois dun acto vindicativo no Ateneo de Ferrol ou no Círculo de Perlío!

Hoxe, eu miro a Xaquín de arriba a abaixo e vexo clarísimamente o anxo que xa intuíra na casa de Cunqueiro.

A ver, eu tamén estudei algo sobre anxos e aclárovos que hai anxos con pluma e anxos sen pluma. Xaquín non ten pluma. Nin falta que lle fai.

Os anxos de pluma tamén son de dúas clases: os románicos e góticos, altos e fracos, con ollos enormes e cara de mala leche, cabreados sempre, seguramente porque as alas enormes lles esmendrellan o lombo; e os anxos renacentistas e barrocos, tamén tipo fino, guapísimos e andróxinos, que non aprenderon a surrir.

Os anxos sen pluma son outra cousa. Poden ter cara de molete e unha boa andorga, pero o máis importante é que saben rir e rin porque son felices regalando soños para compartir con nós a súa felicidade.

Eu, querido Xaquín, estou aquí, con toda esta xente que te quere, para agradecerche tantísimos soños que nos levas regalado. Eu tamén quería regalarche algo, pero como son un gran pecador, en vez dun soño tráioche as imaxes dos Pecados, dos Sete Pecados Capitais, que debuxei hai 40 anos e reeditei recentemente nunha tirada, non comercial, de 100 exemplares para outros tantos amigos. E tróuxenche tamén outro regalo, este persoal, que fixen para ti: a túa caricatura. ¡A ver quen ante esta caricatura pode dubidar que es un anxo!

Noraboa, meu vello e querido amigo.

Xaquín Campo Freire. Caricatura Siro
Homenaxe a Xaquín Campo Freire. Caricatura Siro

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.