Casares e eu, “fiat lux”

Casares dia das letras galegas 2017
Carlos Casares

No ano 1972 fíxenlle a Carlos Casares unha pequena caricatura que foi celebrada por el e por cantos a viron. Curiosamente, malia o tempo decorrido, esa primeira caricatura segue a ser preferida a outras que lle fixen posteriormente; de aí que cando a consellería de Cultura me chamou para dicirme que querían reproducila na placa que o Día das Letras Galegas se poñería na casa onde naceu en Xinzo de Limia, non me estrañase en absoluto.

A caricatura orixinal regaláralla a Carlos o mesmo día que a debuxei e hoxe está na Fundación que leva o seu nome. Cando Feiraco tivo a excelente idea de celebrar o Día das Letras Galegas e homenaxear a Carlos Casares cun millón de tetrabriks con feitío de libro, que levarían na portada unha imaxe do escritor, a Fundación cedeulle a miña caricatura. O acordo entre a Fundación e Feiraco tería que alegrarme infinitamente, porque sentiría que participaba dun xeito especial na festa do meu amigo; pero algo impediu que me sentise privilexiado: non souben da xenerosa e encomiable aportación de Feiraco ata que o mesmo día 17 de maio vin a súa páxina de publicidade en La Voz de Galicia, e en internet a reseña da presentación da campaña na Cidade da Cultura. Ninguén me informou de tan interesante iniciativa; ninguén me invitou ao acto de presentación; e, para colmo, a caricatura reproduciuse sen a miña sinatura. Non puiden sentirme privilexiado porque me sentín ninguneado. ¡E haberá quen pense que “me forrei” con esta campaña!

O mesmo día 17 marchei a Portugal e, aínda que seguín en parte os comentarios que se facían en Facebook, nin tiven tempo, nin a concentración necesaria, para intervir. Agora, recén chegado a casa, fágoo da forma máis escueta posible.

-Como non son o Dalai Lama, aínda que ás veces -máis polo que teño de parvo que de bo- o pareza, mentiría se dixese que ante as reiteradas mostras de descortesía que recibín, non me sentín agraviado e doído. Sobre todo, doído.

-Agradezo aos colegas máis novos as mostras de solidariedade que me deron. Os argumentos que expoñen respecto aos dereitos de autor -ás veces con vehemencia, polo afecto que me teñen- son rigorosos e incuestionábeis.

-E sen embargo chegou o momento de berrar ¡Fiat lux! para non perdermos o Norte.

Malia o mal que se fixeron as cousas, négome a crer que a desaparición do meu nome, ao pé da caricatura de Casares, foi unha acción meditada de alguén que quixo amolarme. Con frecuencia, os despropósitos teñen explicacións moi simples, mesmo absurdas; e estou certo de que este é un deses casos.

O que de verdade importa é a celebración do Día das Letras Galegas e a figura de Carlos Casares. A Feiraco haille que agradecer a espléndida campaña que posibilitou unha promoción extraordinaria do autor, e pedirlle que a repita nos próximos anos.

En canto a min, só espero que se encontre unha fórmula xusta e satisfactoria para todos, na que se me recoñeza como autor do debuxo que centrou a campaña.

 

Deixa un comentario

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.