Puntadas sen fío: Xaquín Marín

Xaquín-Marín por Siro
Xaquín Marín por Siro

A Editorial Galaxia publicou o libro Xaquín Marín. Arte e compromiso no humor gráfico galego, que recolle o esencial da tese de doutoramento que o investigador Félix Caballero fixo sobre o gran debuxante ferrolán. É curioso que a facilidade para a creación artística non se vexa como un don da divindade, senón como algo diabólico. Xa Platón dicía que os poetas levan un demo dentro. Confeso que tamén eu levo cincuenta anos coa sospeita de que Xaquín Marín fixo, de rapaz, un pauto co demo; e explico por que.

-Cantos nos dedicamos á creación plástica aprendemos o oficio pouco a pouco e descubrimos novas posibilidades día a día. Marín non; Marín naceu aprendido, e des que publicou a primeira viñeta ata hoxe exerceu a profesión de ilustrador como un verdadeiro mestre.

-Todos temos referentes e aprendemos de alguén, de varios ou de moitos. Xaquín non; o seu estilo non ten precedentes no mundo do grafismo, nin terá tampouco continuadores. É seu, só seu.

-Cando Marín empezou a publicar as primeiras viñetas non coñecía a conferencia Arte e galeguismoque ditara Castelao para explicar que ser artista universal non consiste en imitar o que se fai en París ou Nova York, senón en facermos arte galega; porque só sendo galegos, falando plasticamente en galego, seremos universais. O Marín mozo concluíu iso pola súa conta e creou un estilo tan galego que ten o arrecendo e o sabor das nosas viandas tradicionais. Unha viñeta sinxela de Xaquín Marín é románica, como a bola; a viñeta traballada con milleiros de riscos é barroca, como a empanada. Así sinto eu a obra de Marín, como algo deleitoso non só para a vista, senón tamén para as papilas; e goréntome cos seus debuxos con verdadeira gula.

-Con ese estilo persoal leva medio século debuxando viñetas, carteis, ilustracións e banda deseñada para darnos unha visión plástica da sociedade como ninguén vira xamais. Félix Caballero alude no título do libro ao humor comprometido de Marín na defensa das causas xustas. É un acerto, porque nunca fixo outra cousa a través de protagonistas que falan ou de humor sen palabras. Eu teño especial querenza polas viñetas con moreas enormes de lixo que devoran a paisaxe en debuxos espléndidos; auténticas obras de arte, as máis das veces; pero outros preferirán as de Gaspariño, as dos pés ou as do Isolino. O certo é que, despois de medio século de amizade, sigo preguntándome como puido o mozo Xaquín Marín descubrir a pedra filosofal do grafismo, e chego á conclusión de que, si, fixo un pauto co demo. ¡Iso se non é el mesmo un anxo rebelde, porque, tan alto, tan pálido, cos pelos e barbas espeluxados e o ollo pipo, non sei eu!

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.