Puntadas sen fío: Violencia sexual

Violencia-sexualLevo anos seguindo en TV a serie Ley y orden, que mostra o traballo de policías e fiscais para resolver os casos de delitos sexuais en New York. No comezo de cada capítulo unha voz en off cualifícaos de «atroces», e sono, certamente; tanto, que ás veces non podo con eles e deixo de velos. Pero xa aprendín que en New York o número de psicópatas e sádicos é aterrador, e supoño que en España haberaos na mesma proporción. As nenas secuestradas en Alcácer, violadas, torturadas e mutiladas, en 1993, foi o primeiro caso do que moitos tivemos noticia.

Os violadores de perfil convencional son moitísimos máis. Catro mulleres que viaxaban nun mesmo coche e que me escoitaban falar en Radio Voz das agresións sexuais, chamáronme para dicirme que as catro sufriran un intento de violación e dúas delas, dúas veces. Os datos oficiais din que máis de mil mulleres son violadas en España cada ano, ás que cómpre sumar as que non denuncian. 

As violacións prodúcense en todos os estamentos sociais. En 2001 o Vaticano admitiu a violación continuada de monxas por curas e misioneiros en 23 países, os máis deles africanos e asiáticos, pero tamén en Irlanda, Italia e Estados Unidos. 

En 2007 o capitán do exército español Juan Miguel Camarón Aparicio foi condenado a 17 anos por abusar sexualmente de 28 mulleres que aspiraban a ser soldados. Cumpriu 3 e continuou a carreira militar. En 2012, a capitá Zaida Cantera denunciou o calvario que sufrira durante tres anos polo acoso sexual do tenente coronel Isidro José de Lezcano-Mújica. Condenado a 34 meses de cárcere por abuso de autoridade, cumpriu 23, ascendeu a coronel e volveu ao exército. Zaida, non. Desde comezos de 2016 as Forzas Armadas dispoñen de Unidades de Protección contra o Acoso, que investigan as denuncias. 

A Zaida Cantera da política española foi Nevenka Fernández, concelleira de Facenda en Ponferrada, quen, en 1999, denunciou ao alcalde Ismael Álvarez, do PP, por acoso sexual. Quedou soa. Nin o PSOE a apoiou. Eu seguín de preto aquel caso porque coincidía na consulta dun médico con varios veciños de Ponferrada, afíns ao alcalde. Exculpábano porque Nevenka -dicían- era unha libertina. Tiñan mentalidade medieval e, como Afonso X nas Partidas, decidían que os acosadores -mesmo os violadores- queden sen castigo se a agredida é deshonesta. 

É a xustificación do violador común, que chama «putas» e «zorras» ás vítimas, mentres as agride. Lin o testemuño dunha muller que, hai vinte anos, cando era moi nova, foi violada por un home co que moceara unha noite de copas. Acudira ao seu piso disposta a ter relacións sexuais, pero o que el quería era sentirse o seu dono e posuíuna pola brava mentres a aldraxaba de palabra.

Así deben de ser os cinco integrantes de La Manada, acusados de violar a unha rapaza de 18 anos nas festas de San Fermín, en 2016. Ante as dúbidas que un avogado defensor presentou sobre a responsabilidade da rapaza, alguén con enxeño deulle a razón: ¿A quen se lle ocorre ir soa ás tantas da mañá? ¿A quen se lle ocorre entrar soa nun portal con cinco homes? ¿A quen se lle ocorre ser muller?

Deixa un comentario

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.