Puntadas sen fío: Tabarnia

Tabarnia por SiroComo o meu subconsciente vai un paso diante de min, no mesmo intre en que oín por primeira vez a palabra Tabarnia chegoume á mente unha imaxe dos irmáns Marx, sorrindo de orella a orella. Despois, cando souben que Tabarnia é o proxecto dunha nova comunidade autónoma, formada por dez comarcas costeiras de Barcelona e Tarragona que se opoñen ao independentismo catalán, recordei a película Sopa de ganso na que Groucho é presidente de Freedonia e o seu enfrontamento coa veciña Sylvania, país agresor e ditatorial. Tras breve reflexión foime doado relacionar Freedonia con Cataluña, Sylvania con España, Puigdemont con Groucho Marx, o embaixador Trentino de Sylvania con Rajoy e o candoroso e sufrido personaxe interpretado por Margaret Dumont coa Generalitat. Todo cadra, mesmo a creación e o protagonismo crecente de Tabarnia e do seu portavoz oficial Jaume Vives -Harpo na película-, porque, por incrible que pareza, Sopa de ganso é unha alegoría do procés.

Inés Arrimadas, declarou: «Lo de Tabarnia es una ocurrencia que pone al independentismo ante el espejo de sus propias contradicciones». Así é. Unha das escenas máis divertidas deSopa de ganso» é a do espello roto, na que Harpo, con camisón e gorro de durmir, como Groucho, responde con movementos idénticos a todas as tolerías que a este se lle van ocorrendo. O mesmiño que Jaume Vives ante os argumentos de Puigdemont. Un par de exemplos:

Puigdemont recorda: «Democracia é dereito a decidir. A unidade de España non pode impoñerse nos xulgados». Vives asente: «A unidade de Cataluña tampouco. Tabarnia quere ser libre». Puigdemont acusa: «España róubanos. Pagamos en impostos máis do que recibimos». E Vives: «Como Cataluña a Tabarnia, de cada 100 euros que Tabarnia paga á Generalitat, 21 non volven a ela».

O que empezou como unha brincadeira vai tomando corpo social e os tabarneses opoñen ao himno Els segadors o que titulan Els Unidors, e á señera catalá outra bandeira distinta pero coas mesmas cores. O independentismo está que bufa e non me estraña. Os motores da economía catalá son as comarcas de Barcelona e Tarragona que conforman Tabarnia e, aínda que ninguén confía no proxecto e todos pensan que se esfarelará co paso do tempo, a idea está ben pensada e Jaume Vives é un deses católicos convencidos de que a fe move montañas e fronteiras. Artur Mas imaxinaba unha Cataluña como a Dinamarca do Mediterráneo. Que poida selo Tabarnia quizais non sexa unha simple gansada.

 

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.