Puntadas sen fío: O xuíz Marchena e o humor

O xuiz Marchena e o humor por Siro
O xuiz Marchena e o humor por Siro

Pepa Fernández, directora e condutora do programa No es un día cualquiera, de Radio Nacional, acordou o pasado ano celebrar cada 23F con F de Forges, falecido o 22, e no primeiro cabodano invitoume a participar con Peridis, Nieves Concostrina e Andrés Aberasturi, nunha conversa sobre a antropoloxía do humor. Xa metidos en fariña, alguén comentou, e todos asentimos, que nada resulta máis cómico que a irrupción de algo inesperado e absurdo nun momento solemne, e eu ilustrei a reflexión cunha anécdota persoal. Foi en Ferrol, nunha mañá de sábado, hai 35 anos. Levara a pasear a un neno de tres anos, fillo duns amigos, e cando ao saír da casa me preguntou onde iamos, respondéralle, enfático, como prometendo unha enorme diversión: «De carallada!». O neno nunca tal oíra, pero limitouse a preguntar: «De carallada?». E eu asentín.

Apenas sairamos do barrio cando un amigo me informou de que a véspera morrera un home a quen ambos apreciabamos e que en poucos minutos sería o enterro. Sen tempo a devolver o neno, subimos ao coche do amigo, chegamos ao camposanto, integrámonos no cortexo fúnebre e no momento máis solemne, cando xa o morto estaba no nicho e o silencio era absoluto, o neno, despois de varios minutos perdido nun bosque de pernas, falou con voz de gaita grileira e dixo: «Siro, a min esta carallada non me gusta nada». A gargallada colectiva chegou a todos os recunchos do camposanto e os máis próximos ao nicho afirmaron que tamén o defunto rira no cadaleito.

Solemne é tamén o xuízo ao independentismo catalán no Tribunal Supremo, conducido con man de ferro polo presidente do tribunal, Manuel Marchena, que non pasa unha a ninguén e o mesmo dá un estalicón de orellas ás testemuñas que aos avogados defensores ou aos fiscais. Por iso resultou sorprendente que cando o ex-deputado da CUP, Antonio Baños, citado como testemuña pola acusación popular de Vox, se negou a responder a esta organización política «por dignidad democrática y antifascista», o presidente decidise exercer de intermediario para evitarlle consecuencias penais. E fíxoo en tres ou catro preguntas, e o que era un acto solemne converteuse en sainete cómico, que inspiraría a Berlanga unha versión diferente e non menos divertida de «Todos a la cárcel». É probable que o maxistrado Marchena sexa lector do Quixote e recordase o consello do cabaleiro a Sancho cando vai gobernar a Ínsula Barataria: «No es mejor la fama de juez riguroso que la del compasivo». Ou de Santo Tomás de Aquino, quen afirmara moito antes que «Xustiza sen misericordia é crueldade». O caso é que o xuíz Marchena fixo recordar a Ravachol, o papagaio que Perfecto Feijoo, o fundador dos coros galegos, tiña na botica; tan falangueiro que repetía canto oía. Foi unha actuación inesperada e absurda que, por insólita, non provocou risa, senón pasmo. Rimos cando nun intre pasamos da confusión á comprensión, pero neste caso non houbo comprensión, senón incredulidade. A escena era cómica, pero cumpría asimilala e dixerila, e, só despois que Marchena se decatase do ridículo da situación e a suspendese, empezamos a rir.

Teño que consultar a Freud, Bergson e outros estudosos da risa, pero coido que o xuíz Marchena fixo unha achega valiosísima á antropoloxía do humor: a da risa retardada.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.