Puntadas sen fío: Violadores, vítimas e xuíces

Puntadas sen fío: Violadores, vítimas e xuíces por Siro
Puntadas sen fío: Violadores, vítimas e xuíces por Siro

Cando Colón volveu a Haití na segunda viaxe e viu destruido polos nativos o forte construído o ano anterior, atribuino “al hábito de los castellanos de amancebarse con hasta cuatro mugeres y de apropiarse de las nativas a placer”. Que fixo el, ante tal evidencia? Apropiarse dunha mociña nativa e darlla como agasallo ao seu amigo Michele da Cuneo, enrolado como cronista. Cuneo era italiano, pero actuou como español e quixo posuíla de contado. A rapaza defendeuse coas uñas e tivo que amansala coa tralla. Narrouno, fachendoso, e fixo, probablemente, a primeira crónica dunha violación.

Non vale argumentar coa mentalidade da época porque xa as leis de Afonso X, no século XIII, castigaban con pena de morte a violación de mulleres honestas. Iso si, no caso de ser a vítima “muger vil”, o violador quedaba exento de culpa. O que non cambiou é a mentalidade do violador e non hai diferenza entre a do italiano Michele da Cuneo e a do chileno Pablo Neruda cando, con 24 anos de idade e sendo diplomático en Ceilán, violou á muller da raza tamil e da casta dos parias que cada mañá acudía ao seu bungalow para recoller no retrete o caldeiro das feces. Certo que o sabemos porque el o contou noutra crónica –como expiación, sen dúbida- no libro Confieso que he vivido. Certo que non se pode mostrar maior arrepentemento: “El encuentro fue el de un hombre con una estatua. Permaneció todo el tiempo con sus ojos abiertos, impasible. Hacía bien en despreciarme. No se repitió la experiencia “. Pero o Neruda de 24 anos, coma o Cuneo de finais do século XV e o violador actual, sexa cal sexa o seu perfil psicolóxico, violan porque senten que queren e poden facelo. A vítima no importa nada, porque non é nada. 

Nos últimos anos horrorízannos as violacións de grupos como La Manada, pero tampouco é novidade. Autores italianos do XV e do XVI facían rir aos lectores contando das prostitutas que se doutoraban ao teren relacións sexuais con trinta e un varóns, un detrás de outro; o que se chamaba pasar il trentuno. E Pedro Aretino describe, tamén en narrativa cómica, como “un rabaño de gañáns, galopíns e cociñeiros” violou toda a noite a unha inocente campesiña, ata dárenlle a architrinta e unha.

A Audiencia de Barcelona xulga estes días á Manada de Sabadell, integrada por catro mozos acusados de violar, hai dous anos, a unha rapaza de dezaoito. Os xornalistas presentes coincidiron en sinalar a nula empatía do fiscal coa vítima -aínda en tratamento psicolóxico-, que houbo de repetir, unha e outra vez, as partes máis duras do relato da agresión; e responder preguntas incoherentes, desconcertantes e irritantes. Ata a fiscal delegada de violencia de xénero declarou que unha actuación como a do seu compañeiro non debería ocorrer nunca. Porén, o fiscal recoñeceu que o relato da vítima é verídico e crible. Incrible foi a sentenza dun tribunal italiano formado por tres xuízas que, en 2017, absolveu aos violadores dunha rapaza de 22 anos porque “era demasiado fea e masculina”. Xa o dicía Quevedo: “Menos mal hacen los delincuentes que un mal juez”. E hai xuíces malísimos por soberbios e parvos. E xuízas.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies