Puntadas sen fío: Vellez e tecnoloxía

Puntadas sen fío: Vellez e tecnoloxía
Puntadas sen fío: Vellez e tecnoloxía

En 1995, cando o visitei na súa casa en Ferrol, o pintor Ricardo Segura Torrella tiña 68 anos e eu 52. Non ben entrei, meteume nas mans un folleto publicitario e, pequeniño como era, olloume desde alá abaixo e preguntoume marcando as sílabas: -Que é is-to? Que ca-ra-llo é is-to? Collín o folleto e lin: “PC con procesador RISC emulador de hardware 486 a 200 MHz, Windows OS, pantalla CRT de 21”, doble disquetera para 5 1/4 y 3 ½”, tarjeta gráfica VGA estándar, tarjeta para nueva Fast Ethernet (100 Mbps)”. Non entendín nada, pero devolvinllo, arrogante, como se estivese clarísimo, e respondinlle: -A publicidade dun ordenador. Ricardo pasmou e viu en min un novo Newton ou un novo Einstein. Morreu cinco anos despois sen poñer os dedos no teclado dun ordenador.

Recórdoo sempre que vexo publicidade sobre a irrupción tecnolóxica dixital na vida dos maiores, que nos fará felices ao converternos en cidadáns dixitais nunha sociedade dixital. Non sempre é así, claro. Esta mesma semana, unha vella da miña idade apañou un desgustazo porque navegando en internet contratou, sen pretendelo, os Servizos Emoción da súa compañía telefónica e o importe do recibo deixouna sen alento.

A deshumanización da relación co entorno resúltanos aos vellos incomprensible e arrepiante. Cando no piso de arriba rompeu unha tubería de auga e afectou un par de teitos do meu, resolveuse todo de marabilla. A compañía de seguros autorizoume a contratar o pintor que os reparase, aceptou o presuposto e so tiven que chamar por teléfono para dar o número da conta bancaria, na que facerme o ingreso. Chamei e un contestador automático ordenoume: “Diga brevemente el motivo de su llamada”. Fiquei mudo, pero despois de varios intentos conseguín facerme entender. Días despois, quixen ingresar uns euros na conta dun amigo. Acudín ao seu banco, agardei na cola ata que me atendeu a caixeira e cando expuxen o meu desexo, díxome que debería usar o caixeiro automático da entrada. Non había ninguén detrás de min, estabamos sós, pero insistiu en que fose ao caixeiro e seguise as instrucións da pantalla. Rebeleime e marchei a Abanca, para facer unha transferencia, atendido por unha rapaza amabilísima que non deixou de surrirme, de orella a orella. Porén, o peor problema dos vellos é a indefensión ante seres ignotos que actúan con impunidade e fannos bailar tirándonos dos fíos -cata-catapún, catapún, pun, candela- como Polichinelas. O 26 de febreiro contratei, vía telefónica, o suministro de luz cunha nova empresa; pasadas catro horas, anuleino por correo electrónico e carta certificada. O 27 confirmáronme por teléfono e e-mail que o contrato quedaba sen efecto. O 28 felicitáronme noutro e-mail por facer o contrato. O 1 de marzo confirmáronme en Atención ao Cliente que o contrato estaba anuladísimo. O 2 cobráronme a primeira factura e veume de volta a carta certificada. Durante unha semana seguín recibindo confirmacións de anulacións e felicitacións por formar parte dunha empresa tan eficiente e responsable. Por fin alguén con mando me chamou por teléfono, pediume perdón e informoume de que reintegraran os cartos da factura. Eu, porque son pachorrudo; pero un vello frenético podería tolear ou morrer de infarto. Ou de cabreo.   

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies