Puntadas sen fío: Unamuno

Puntadas sen fío: Unamuno por Siro
Puntadas sen fío: Unamuno por Siro

“Mientras dure la guerra”, a película de Amenábar, trata -coido que con acerto- a anguria vivida polo Unamuno, vello e enfermo, que confiara no Alzamento Nacional para poñer orde na república e salvar do marxismo a civilización cristiá; pero, comezada a guerra, descobre as mesmas  atrocidades nos dous bandos. Unha traxedia íntima, que eu ilustraría graficamente en catro momentos.

19 de febreiro de 1935. Unamuno recibe a José Antonio Primo de Rivera, o día en que a Falanxe vai dar o primeiro mitin en Salamanca. Pedírallo un ex alumno falanxista, Francisco Bravo, que acompañou a José Antonio e Sánchez Mazas. Don Miguel estivo cordial: “Esto del fascismo yo no sé bien lo que es, ni creo que tampoco lo sepa Mussolini. Confío en que ustedes tengan, sobre todo, respeto a la dignidad del hombre. Lo que he  leído de usted, José Antonio, no está mal, porque subraya eso del respeto a la dignidad humana”.E foi ao mitin con eles.

Primeiros días de setembro de 1936. Entrevístao Merry Bromberger, corresponsal do xornal francés Le Matin, e declara: “Todavía no ha sido entendida en el extranjero la naturaleza de esta guerra civil, la más terrible que España ha conocido y que llevará al país a la ruina, a una herida abierta de par en par. Sugerimos una mediación, una tregua, para intercambiar rehenes y detener las ejecuciones. No hay voluntad para parar esta locura.”

Pero segue facendo responsable a Azaña e confiando en Franco para salvar España.

12 de outubro de 1936. O horror das execucións e dos “paseos” polo exército franquista e a Falanxe mortifícao e fai que se pregunte como puido ser tan inxenuo. No acto conmemorativo de Día da Raza, no Paraninfo da Universidade, houbo discursos feixistas e Unamuno escolleu un para xustificar a súa intervención. A transcripción do enfrontamento dialéctico con Millán-Astray non existe, pero as versións que coñecemos responden ao sucedido: o vello Unamuno -outra vez rebelde e destemido- quixo rebentar o acto, e conseguiuno. Víctor Ruiz Albéniz, avó de Ruiz Gallardón, escoitouno dicir: “Yo tenía que lanzar una bomba y ya la he lanzado”.

31 de Nadal de 1936. Visítao o profesor falanxista Bartolomé Aragón, e Unamuno dille: “Le agradezco que no venga usted con la camisa azul, como hizo el último día, aunque veo que trae el yugo y las flechas. Tengo que decirle a usted cosas muy duras y le suplico que no me interrumpa.”

Aragón, abatido, comenta que quizais Deus esqueceu a España, e Unamuno bate co puño na mesa, afirma que España ten que salvarse, e morre.

No cemiterio, entre moitas camisas azuis e correaxes, o alcalde de Salamanca fai o saúdo feixista e berra: ¡Camarada Miguel de Unamuno!

Un final esperpéntico para unha deriva ideolóxica absurda, que o mundo da cultura non lle reprochou. Antonio Machado falou por todos: “¿De qué otro modo podía morir, sino luchando consigo mismo, con su hombre esencial y con su propio Dios?” Nada que ver co rancoroso Franco, que, aínda en 1956 comentaba: “Unamuno vino a verme para pedirme que no bombardease Bilbao. Tenía dos casas y temía que se las destrozasen”.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn
WhatsApp
Email

Deixa un comentario