Puntadas sen fío: O último éxito de Fleming

Puntadas sen fío: O último éxito de Fleming por Siro
Puntadas sen fío: O último éxito de Fleming por Siro

Fleming decubriu os efectos antibacterianos do fungo Penicillium notatum o 3 de setembro de 1928 e publicou o estudo correspondente no British Journal of Experimental Pathology en 1929, pero non o patentou porque no laboratorio do Hospital St. Mary, onde investigou toda a vida, carecía de medios para crear o antibiótico que acabase coas infeccións; e iso era o importante. Así puideron os químicos  Howar Walter Florey e Ernst Boris Chain sintetizar a penicilina en Inglaterra e poñer en marcha plantas de produción nos Estados Unidos, durante a Segunda Guerra Mundial; e por iso os tres compartiron o Premio Nobel de Medicina, en 1945. 

Florey e Chain fuxían dos medios de comunicación, pero Fleming converteuse nunha celebridade; e entón algúns científicos envexosos e profesionais da comunicación sensacionalista cuestionaron o seu mérito por facer o descubrimento de forma casual; tarefa inútil porque se o mundo coñeceu esa circunstancia debeuse a que Fleming a contou e repetiu, durante 16 anos, en conferencias e entrevistas. Non era a primeira vez que atribuía á casualidade e á sorte o éxito dos seus achados. Anos antes dixera que descubriu a lisozima, enzima da mucosidade nasal con propiedades antibacterianas, cando espirrou e o moco foi caer xusto na placa coa que traballaba. Puido ser así, pero o relato máis semella unha das súas bromas que un feito real.

A importancia do azar no descubrimento dos efectos antibacterianos do Penicillium notatum está documentada e non foi unha casualidade, senón unha insólita serie de casualidades; pero fixo falta a preparación e  a perspicacia de Fleming para acadar o éxito. Xa Pasteur advertira de que a fortuna favorece as mentes máis preparadas.

En 1946 a bacterióloga grega Amalia Koutsouri-Vourekas entrou no equipo de Fleming. Tiña 34 anos, un currículum brillante e unha experiencia vital heroica como membro da resistencia durante a ocupación nazi de Grecia. Fleming namorouse dela e, ainda que desde 1949 foi viúvo, leváballe 30 anos e calou o sentimento. Amalia volveu a Grecia, pero pouco despois Fleming foi convidado a dar unhas conferencias en Atenas e correu como Aquiles, o dos pés lixeiros. Casaron en Londres, en 1953 e Fleming morreu en 1955. Malia a brevidade do matrimonio, Amalia comentou: “Non pode haber outro home despois de Fleming”. Desde entón na vida científica e social foi Amalia Fleming.

Regresou a Grecia en 1967, días antes de que os militares, prevendo a vitoria electoral do socialista Papandreu, tomasen o poder e impuxesen a Ditadura dos Coroneis. Amalia foi opositora activa e comprometida, e a policía detívoa e interrogouna durante horas, pero non a maltratou. Protexeuna o prestixio internacional do apelido Fleming e cando, en 1971, un tribunal militar a condenou a 16 meses de cárcere, os Coroneis preferiron deportala a Londres.

Restaurada a democracia, foi parlamentaria socialista en tres lexislaturas e en 1980 estivo en Madrid para participar na Asemblea de Parlamentarios do Consello de Europa. Na rolda de prensa agradeceu, cos ollos acesos, as moitas rúas e prazas dedicadas a Fleming en España; os centenares de bustos e o monumento dos toureiros na Praza das Ventas. Morreu en 1986, cando en Atenas se inauguraba un hospital co seu nome. O nome de Amalia Fleming, naturalmente.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies