Puntadas sen fío: Torra «és collonut»

Quim Torra por Siro
Quim Torra por Siro

Téñoo que dicir porque, se non o digo, rebento: Torra cáeme de fábula. A admiración, o arroubo, o pasmo que sinto cando o vexo, o oio e o leo, débese á certeza de que é un político especial, un político de raza, un politicazo. Torra non é guapo coma Pedro Sánchez, Casado e Albert Rivera, ben o sei; mesmo esta intuición diabólica que me leva a ver a xente en caricatura fai que me recorde o «peixe pinga», que os biólogos mariños teñen polo máis feo do mundo. Tampouco é un político de moitas ideas, pois seica non ten máis ca unha: acadar a República Catalá. Pero a ela se dedica, día a día, hora a hora, e por iso non hai perigo de que o Parlament de Cataluña se converta no plató de Sálvame, como sucedeu o pasado mércores co Parlamento español, cando o presidente do Goberno e os líderes do PP e de C’s pasaron dos graves problemas do país para trabarse coma cans, polo máster de Casado e a tese de doutoramento de Pedro Sánchez. Sei de boa tinta que Jorge Javier Vázquez e Belén Esteban babexaban de envexa véndoos e que o director do programa comentou: ?Moito temos que aprender.

En Torra non sei se admirar máis o talante ou o talento. Nin Zapatero tiña o talante de Quim Torra, home de boas maneiras, de ánimo sereno, que non di unha palabra máis alta ca outra. Siiii, vaaaale, fóiselle a ola cando chamou «bèsties amb forma humana» aos habitantes de Cataluña que rexeitan o catalán e a catalanidade; pero é que el, «un català que sent l’orgull de ser català», percibiu nos outros un odio «com de dentadura postissa amb verdet». Toma metáfora! Toma talento! Pediu perdón por ese artigo e outros semellantes, e polos moitos chíos nos que aldraxaba a España e aos españois; pecados de xuventude, escritos antes de cumprir os 50 aniños. Pero non lle valeu de nada.

En todas as entrevistas pásanlle os artigos e os chíos polos fociños, e aí Torra mostra outra das súas virtudes de gran político: a calma. Ante un entrevistador impertinente, medio sorrí e di para o seu caletre: «Tu pregunta el que vulguis, que jo respondré el que em doni la gana». E faino, e o entrevistador ou entrevistadora pode estar rosma que rosma e repetir a pregunta dez, cen, mil veces, que a Torra «per una orella li entra i per l’altre li surt». A terceira virtude do president, a que eu máis valoro, é a sensibilidade. Si, si, si: Torra é todo corazón e sofre cando algúns energúmenos españolistas din da súa familia as mesmas barbaridades que algúns energúmenos independentistas din das familias dos líderes constitucionalistas. Por hipersensibilidade abandonou, hai poucos días, o salón do Instituto Smithsoniano, en Washington, mentres falaba o embaixador español Pedro Morenés, ao entender que lle chamaba «mentireiro». Non fixo tal o embaixador, que se limitou a afirmar, en contra do que Torra dixera, minutos antes, que España é unha democracia sen presos políticos; pero o president colleu un desgustazo… Está claro que para árbitro de fútbol non valería. Sensible como é, sufriría cada vez que pitase unha falta e o xogador lle dixese «non lle toquei», «non me deixei caer», «non…». Para árbitro non, pero como político Torra és collonut.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.