Puntadas sen fío: A todos e a todas

A todos e a todas por Siro
A todos e a todas por Siro

Cando meu sogro andaba polos vinte anos, unha xitana botoulle unha maldición terrible: «¡Entre mujeres te veas!» E como non tiña máis que fillas e netas, en cada parto acordábase dela e repetía, magoado: «A xitana. A maldición da xitana!» Pode que fixese algo para romper o maleficio, pois remedios hainos: o do limón, o do arcanxo san Miguel, o do cristal de selenita e salvia branca, o da auga de rosas…, pero, como era de Cangas de Morrazo, digo eu que escollería o da auga salgada. Se o fixo, foille ben e, por fin, tivo un neto.

A min a maldición da xitana parecíame unha bendición porque, quizais polo exemplo heroico de varias mulleres da familia, era feminista sen sabelo, cando non se falaba de feminismo; e despois funo e sigo a selo conscientemente. Dei boa proba en Ferrol, en 1981, cando asistín á conferencia dunha amiga no Ateneo, arranxada por un colectivo feminista. O auditorio formabámolo trinta mulleres e eu, e todas ocuparon as butacas da banda contraria á que eu estaba, deixándome so, illado, coma se cheirase; pero non me sentín ofendido e aquel mesmo día contei a anécdota entre risas, como a conto hoxe. Daquela circulaba por Ferrol a tradución pirata do Manifesto para a castración dos homes, da americana Valerie Solanas, que no 68 disparara e ferira gravemente a Andy Warhol, polo que chanceaba e recoñecía sentirme afortunado.

Mostradas as credenciais de feminista militante, podo dicir e digo que non se me ocorre outro xeito máis absurdo de empezar unha intervención pública que o saúdo «Boas tardes a todos e a todas», só xustificable no caso de querer excluír a unha parte do auditorio: «Boas tardes a todos e a todas, agás o gordo da terceira fila e a rubia da quinta». Se non hai excepcións, un «Boas tardes» abonda e ademais é o atinado. Sei que a «linguaxe inclusiva» supón no falante unha actitude política contraria á linguaxe sexista e iso está ben, pero non todo vale porque o politicamente correcto pode ser, gramaticalmente, aberrante. Compromiso e calidade non son incompatíbeis na arte da palabra. Poeta comprometido era Uxío Novoneyra e cando escribiu Os Eidos léullelo a Ramón Piñeiro e Manuel María, que quedaron marabillados. Piñeiro quería edítalo xa, pero Uxío negouse porque debería facer aínda moitas lecturas en voz alta para depurar cada verso, cada palabra. Tanto o demorou que Manuel María publicou antes Terra Chá e as novas xeracións poderán pensar que foi o libro de Manuel o que inspirou a Uxío.

O labor de Uxío, Borges, Machado, Rosalía, Lorca, Dieste, Juan Ramón Jiménez, contando, medindo e pesando cada voz, cada fonema, nada importa á clase política que di admiralos. Só desde o desprezo ao idioma e o menosprezo aos grandes creadores do idioma pode alguén vindicar, sen pudor, a palabra «portavoza». O de «a todos e a todas» non está a ese nivel, pero chégalle ben. Ademais o uso continuado dos dous xéneros pode levar ao dislate. O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, nunha recente homenaxe ás vítimas galegas do Holocausto, despois de tanto «todos e todas», «amigos e amigas», «compañeiros e compañeiras», embalouse e rematou pedindo aos familiares que non marchasen porque ían facer unha foto «todos e todas, xuntos e xuntas». Non fago mofa. Metidos nesa vertixe, pódelle pasar a calquera.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies