Puntadas sen fío: O tándem Rouco – Fratini

O tándem Rouco - Fratini por Siro
O tándem Rouco – Fratini por Siro

Un dos primeiros contos do Decamerón fala de Giannotto, cristián de París, amigo do xudeo Abraham, a quen tenta convencer para que abrace o cristianismo e acade a salvación eterna. Por fin Abraham dille que viaxará a Roma para ver como viven o vicario de Deus na terra e os seus cardeais e, se deduce que a fe cristiá é mellor cá súa, fará o troco. Giannotto amóucase pensando que cando Abraham vexa a vida licenciosa dos clérigos, volverá tan xudeo como foi, ou máis; de aí a súa sorpresa cando, á volta, Abraham, anuncia que se fará cristián. A explicación –dixo- é sinxela: “Se os vosos pastores se esforzan, co seu proceder, en reducir á nada e expulsar do mundo a relixión cristiá, que cada día medra e loce máis, o Espírito Santo ten que ser o seu sostén”,

O conto decorre en Florencia, mediado o século XIV, pero podería facelo en calquera tempo e lugar da cristiandade. Desde o escándalo do Banco Ambrosiano, en 1982, ao da pederastia na actualidade, o xudeo Abraham tería argumentos sólidos para trocar a fe tamén no presente.

Sen escándalo, pola caladiña, en España asistimos á xubilación do cardeal Tarancón, figura clave nos últimos anos do franquismo e da Transición, e ao desmantelamento da súa obra, que tivera dous obxectivos: aplicar en España as orientacións do Vaticano II en canto á independencia da Igrexa de todo poder político e económico, e procurar que a comunidade cristiá fose instrumento eficaz na reconciliación das dúas Españas enfrontadas na Guerra Civil. Tratábase, en palabras de Tarancón, “de que la Iglesia perdiese influencia política y ganase credibilidad religiosa”. Pero a Xoan Paulo II non lle gustou, abroncouno e prescindiu del como dun paraugas vello. Os bispos Suquía e Rouco Varela encargáronse da demolición e reconstrucción da nova Igrexa española. En 2009 chegou a España o nuncio Fratini e, arrepiado pola “personalidade revolucionaria” do presidente Zapatero, formou un tándem activo e efectivo con Rouco, e levaron á Conferencia Episcopal a vinte prelados ultraconservadores, hoxe claramente enfrontados ao papa Francisco.

Sospeito que a unión se resentiu cando, en 2015, Rouco presionou aos bispos españois para que non asistisen á beatificación de monseñor Romero, en El Savador, porque se trataba dunha “beatificación política”. Non foi ningún e o nuncio Fratini sentiuse avergoñado. Ademais, a el gústalle falar da Igrexa dos pobres e pediu que os pobos abandonados en España sirvan para acoller aos inmigrantes do Terceiro Mundo. Por iso non entenderá que Rouco, xubilado, gastase medio millón de euros da diócese en restaurar o ático de 370 m2 onde vive, despois de desaloxar a catro curas que o ocupaban.

A diplomacia obrigou a calar durante anos ao nuncio Fratini, que é, de natural, lingoreteiro, e a semana pasada “largou” e protagonizou a actualidade ao cuestionar o traslado dos restos de Franco, o que provocou a resposta irada da vicepresidenta do Goberno e que un bo número de comentaristas políticos o tildasen de “facha”. Imos por partes: esa reflexión do nuncio foi “sanchopancesca” e non merece atención e moito menos resposta; pero as outras son máis de progre que de ultra. Defendeu a democracia, atacou as ditaduras disfrazadas de democracias, ás que chamou “democraturas”, e pediu respecto para o novo bispo de Tarragona, nacionalista catalán. A que se fixo “francisquista”?

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies