Puntadas sen fío: Socialistas de vacacións

Puntadas sen fío: Socialistas de vacacións por Siro
Puntadas sen fío: Socialistas de vacacións por Siro

Oír para crer. O pasado 15 de outubro Juan Luis Steegmann, portavoz de VOX no Congreso, acusou aos socialistas de que “en la época de Franco se tomaron 40 años de vacaciones”. O que len; recriminoulles a falta de coraxe para enfrontarse á ditadura e fíxoo coa autoridade moral que lle dá ter sido comunista: “De los comunistas no hablo. Lo he sido”. Agárrame ese can polo rabo! Un excomunista en VOX e cantándolle a pelada aos socialistas. A cuestión é: patínalle o embrague, ou ten razón o portavoz?

Supuxo o franquismo para os socialistas o disfrute dunhas gorentosas, pracenteiras e sibaríticas vacacións? Imos ver.

É certo que para se repor da derrota na Guerra Civil, miles de socialistas acordaron coñecer mundo, facer turismo e -¡oh, là là!- pasaron a Francia, beneficiándose dos camps d´internement en Toulouse, Perpignan, Narbona… Outros, de paso máis longo, chegaron polo Mediterráneo a Orán, en Arxelia; e polo Atlántico a países hispanos como Arxentina e México, ou aos EEUU.

Tamén que socialistas con espírito deportivo, amantes do sendeirismo, ficaron en España e botáronse ao monte. Durante once anos trotaron, fusil en man, polos macizos asturiano e galaico-leonés, respirando aire puro e facendo vida sanísima; pero todo cansa e, en 1948, os vinte e nove sobreviventes largaron para seguir as vacacións na doce Francia.

Dos dirixentes en España, o primeiro en coller vacacións foi Julián Besteiro, presidente do PSOE e da UGT; tan delicado de saúde en 1939, que o propio Franco se preocupou de poñelo á sombra ata que morreu, en 1940. Pouca saúde debía de ter tamén Tomás Centeno, quen, en 1953, tentou recrear con cincuenta militantes a estrutura do partido, e morreu na Dirección Xeral de Seguridade mentres lle facían unhas preguntiñas de nada.

Ás vacacións por conta do Réxime colleulles gusto Ramón Rubial, que percorreu os penais de media España entre 1937 e 1956; e aínda volveu a eles en 1967 e 1968. E Manuela Moreno, unha das moitas mulleres socialistas enchiqueradas, que cumpriu condena ata 1962. En fin; despois da detención dun cento de militantes en 1958, tantos socialistas gozaron de vacacións pola xenerosidade franquista, que só no penal de Burgos había máis de 1.200. Todos á bartola, claro.

Como reloucaron de contentos socialistas máis activos nos campos de concentración do Exército para construír obras militares en Xibraltar, a fronteira francesa e Marrocos! E nos da Dirección de Prisións, que os alugaban a empresas construtoras en Cuelgamuros, o Canal do Guadalquivir e ata en Puerto Banús.

Iso si, a homes e mulleres socialistas deulles unha arroutada en 1962 e interromperon as plácidas vacacións para arranxar la huelgona, a folga da minería asturiana que mobilizou a 65.000 traballadores de varias industrias e tivo gran impacto internacional. A Rodolfo Llopis, secretario do PSOE no exilio, en vacacións desde 1939, arroutadas dábanlle arreo e, compinchado cos colegas europeos, impedía, unha e outra vez, a entrada da España de Franco na Alianza Atlántica, na Organización Mundial do Traballo e no Mercado Común. Felipe e Guerra todo marketing, xa se sabe.

E a todo isto, o xove comunista Steegmann xogando o tipo contra Franco, que un día case tivo que correr diante dos grises.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies