Puntadas sen fío: Ser vello onte

Puntadas sen fío: Ser vello onte por Siro
Puntadas sen fío: Ser vello onte por Siro

Digo onte,pero refírome aos primeiros anos cincoenta, os da miña infancia, cando os vellos tiñan o respecto de todos. No meu barrio, ata os nenos máis golfos paraban de xogar á pelota se o señor Ramón pasaba pola beirarrúa, arrastrando os pés como unha tartaruga; e os máis educados corriamos a levarlle a bolsa da compra á señora Paca, tan gorda, que non podía co propio corpo. Na perruquería de Volusiano, o fillo Tito, simpatiquísimo, afeitaba aos vellos desdentados, de caras chuchadas. Dicíalles: -Hincha! Os vellos collían aire na boca ata semellaren o boneco de Netol, e Tito, ris-ras, ris-ras, deixáballes as fazulas como de rapaces. En Burgos, outro barbeiro de vellos usaba unha pelota de ping-pong que, por indicación súa, pasaban dun lado a outro da boca. Un día, un vello preguntoulle: -¿No me pones la pelota? E o barbeiro respondeulle: -No la tengo, que se la tragó el Nemesio y hasta mañana no me la devuelve.

Ser vello e rico nos primeiros anos cincoenta, debía de estar bastante ben; ser vello e vivir sen apuros económicos, non debía de estar mal; ser vello e pobre, era unha tristura. O Fuero del Trabajo, prometera, en 1938, que “de modo primordial se atenderá a dotar a los trabajadores ancianos de un retiro suficiente”; e en 1947 implantouse o Seguro Obligatorio de Vejez e Invalidez coa mesma vontade; pero as máis das pensións eran cativas. Ademais, en 1952 rematou o racionamento de alimentos que afectou, sobre todo, ás familias sen acceso aos economatos. Si, no meu barrio había vellos pobres e coñeciámolos todos. Os sen familia remataban os seus días no asilo, e eles e os veciños considerábano unha desgraza. Menos mal que había quen miraba por eles.

Cando o modisto Balenciaga foi recoñecido en París o creador máis importante da alta costura, saiu no NO-DO e en Ferrol a alguén ocorréuselle –dicíase que fora cousa da Sección Femenina– facer no teatro Jofre un desfile de modelos a beneficio do asilo. Acudiu toda a sociedade ferrolá e tamén os vellos asilados asistiron como invitados. Sentáronos no galiñeiro, no quinto andar, que pola altura dos teitos ben podía ser un octavo ou noveno. Non morreu ningún, pero varios non recuperaron o alento ata que rematou o desfile. 

Tamén se ocupaban dos vellos as señoritas de Acción Católica. Dicíanlles señoritas, ás mulleres casadas ou solteiras que colaboraban cos párrocos en facer caridade cos veciños máis necesitados e en levar a moralidade católica aos fogares descarriados. Preto da miña casa vivía un matrimonio moi vello, cunha pensión moi cativa, que se viron na necesidade de compartir a vivenda cun home viúvo, tan vello e pobre coma eles. Coas dúas pensións viviron os tres varios anos. Morreu o casado, pero entre a pensión de xubilación do inquilino e a de viudedade da vella, ían tirando. Ata que chegaron as señoritas a convencelos de que aquela convivencia era inmoral e casáronos. As señoritas e o párroco fixéronlles unha festa con sidra e canapés; moita risa e moito brinde. Ao casar, a vella perdeu a pensión de viudedade. A fame entrou naquel fogar, e ao pouco foron os dous para o asilo. Miña nai renegou das “señoritas de merda” e chorou todo o día.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies