Puntadas sen fío: Ser vello hoxe

Puntadas sen fío: Ser vello hoxe por Siro
Puntadas sen fío: Ser vello hoxe por Siro

Non é doado. Hoxe costa ser vello. Eu teño 78 anos e penso que cabo dalgúns máis empezarei a padecer avellentamento precoz. E iso porque son discreto no vestir, que outros de oitenta van como rapaces de vinte e síntense coma eles.

Os vellos empezamos a sermos xente en 1985, coas viaxes do Imserso que nos sacaron de pobos e aldeas e leváronnos a coñecer España. A cousa nacera mal porque a publicidade fixéraa Mary Santpere e morreu antes de dala a coñecer; así que, por aquilo do mal fado, fíxose outra con Florinda Chico e o éxito foi total: hoteis e balnearios ficaron abertos todo o ano, afortaláronse cen mil postos de traballo e os vellos melloramos o estado de ánimo e tomamos menos fármacos.  Menos duns e algún máis doutros. Nunha visita a Huesca, un septuaxenario coruñés e viúvo deixou que os pés o levasen ao café onde acudira cada tarde mentres fixo a mili naquela cidade, cunha noiva á que non esquecera de todo. O café, algo reformado, alí estaba; e na mesiña que fora deles, ela; viúva tamén. Abrazáronse nunha aperta sen fin e ollaron a foto de “ao minuto” que fixeran o último día que pasaran xuntos. Tamén agora el debería marchar e deixala, pero prometeulle volver axiña: o que tardou en ir á consulta do doutor Castro Beiras a pedirlle a Viagra.

Non ten volta, os vellos de hoxe estamos mellor que os de onte. Temos máis esperanza de vida, vida sexual máis longa, novas ofertas de ocio e cultura, e residencias da terceira idade mellores que os antigos asilos. Pero os vellos de onte non temían que unha alcaldesa vendese as vivendas sociais que habitaban a un fondo voitre que lles aumentaría o aluguer ata conseguir botalos. Nin que os bancos onde gardaran os aforros desde novos lles aconsellasen invertilos nun produto financieiro, e perderíanos. Do millón de familias afectadas pola compra de preferentes, sen recibir información sobre os riscos que supoñía, moitas eran vellos con pensións humildes e nalgúns casos enfermos de Alzhéimer. Gregorio, de 84 anos, non padece Alzhéimer nin mercou preferentes; pero en 2017 perdeu 730.000 euros, os aforros de toda a vida, depositados en accións do Banco Popular, ao ser absorbido polo Santander. Antes de dar cun despacho de avogados que aceptase o caso, Gregorio percorreu moitos outros que o rexeitaron, ao dalo por perdido; pero en maio, un xulgado de L´Hospitalet de Llobregat determinou que o Popular o enganara facéndolle crer que a entidade era solvente ata o día que estalou o escándalo. Gregorio vai recuperar os seus cartos, pero non os últimos catro anos que viviu dunha pensión de 200 euros e dos comedores sociais. 

Os vellos sentimos arrepío ante Facenda, un ente con funcionarios amabilísimos, pero monstruoso e sen alma. Si, si; sen alma. En 2014 multou con 29.000 euros a unha muller de 104 anos que se negaba a desaloxar temporalmente un piso propiedade do Estado; e en 2017 reclamou 1600 euros a outra de 96 anos que vivía dunha pensión de 600, porque o Axuntamento lle asignou unha cuidadora para bañala e a axuda contabilizouse como un rendemiento mensual de 700 euros. Nos dous casos o ministro de Facenda era Cristóbal Montoro, recordado no epitafio de José María Bejarano Martín, en San Pedro de Latarce: “Montoro, cabrón. Ahora ven y cobras”.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies