Puntadas sen fío: Que volva Fernando Castedo

Fernando-Castedo por SiroA ministra de Defensa, Margarita Robles, recoñece que o Goberno non pode sentirse orgulloso das negociacións cos partidos para renovar o Consello de Administración de RTVE. Certo que a obstrucción do PP xustificou o real decreto para a elección dun consello provisional, ao que seguirá o elixido por concurso público, pero o pacto con Podemos e o PNV soou ao compadreo de sempre e escandalizou a cantos cremos que Pedro Sánchez ten a obriga de levar a ética á praxe política.

Adolfo Suárez, que durante catro anos dirixiu a RTVE como un gran manipulador, encargoulle a transformación a Fernando Castedo, un avogado do Estado que chegara á política da man de Pío Cabanillas. Só lle deu una instrucción: «Tienes que ser independiente y no hacer caso a los ministros». E Castedo, único director por consenso da UCD e do PSOE, tentou selo. Primeiro, elixiu as persoas que coidaba idóneas para os cargos, independentemente da súa opción política: Pedro Macía, Ladislao Azcona, Eduardo Sotillos, Luis Mariñas, Iñaki Gabilondo, José Luis Balbín… Despois, fíxolles saber que, fose cal fose a ideoloxía de cadaquén, viñan para facer unha televisión pública ao servizo de todos. Ás poucas semanas xa había dirixentes da UCD que acusaban a Castedo e os seus colaboradores de favorecer ao PSOE e algúns medios de comunicación afirmaron que RTVE estaba dirixida por marxistas.

Leopoldo Calvo Sotelo di nas súas memorias que Rodríguez Sahagún lle pedía todos os días a cabeza de Fernando Castedo, e deulla. Forzado a dimitir, Castedo deixou esta frase na despedida: «Mi dimisión supone la quiebra de la transición democrática en RTVE». Así foi. Sustituino Robles Piquer, cuñado de Fraga, a quen Carrillo acusou de poñer TVE ao servizo da gran dereita, e Alfonso Guerra de dar información pro golpista sobre o xuízo aos procesados polo 23-F. Despois das eleccións andaluzas, con maioría absoluta do PSOE e predominio de AP sobre a UCD, Robles Piquer quedou sen apoios e dimitiu.

Co trunfo electoral do PSOE, en 1982, chegou José María Calviño, home de absoluta confianza de Alfonso Guerra, para acabar de enterrar o proxecto de Fernando Castedo. O sectarismo instalouse en TVE e os traballadores chegaron a pedir a súa dimisión. Foi el quen retirou da programación o espazo de debate La clave, despois de varios desencontros con José Luis Balbín. O primeiro por levar como invitado ao socialista disidente Alonso Puerta.

Pilar Miró, que o sustituiu en 1986 sen que el asistise ao acto, describiu nunha frase o que foi a TVE controlada por Alfonso Guerra: «Corleone alza la ceja y sus chicos disparan».

Cos gobernos do PP, a TVE volveu ás peores prácticas e por iso a renovación do consello é urxente. Se Pedro Sánchez non fose tan novo, en vez de romper a cabeza buscando nomes, chamaría a Fernando Castedo, que é de toda garantía. Ou, para seguir confiando nas mulleres, a Carmen Caffarel, directora excelente, de 2004 a 2007. Un acerto do presidente Zapatero, co de sacar as tropas da guerra de Aznar.

Deixa un comentario