Puntadas sen fío: Cayetana e Messi

Puntadas sen fío: Cayetana e Messi por Siro
Puntadas sen fío: Cayetana e Messi por Siro

“Nosotros tenemos a nuestra Messi, con el mismo acento, siendo la mejor y la que más goles va a marcar en esto de la política”. Proclamouno Pablo Casado en marzo de 2019, cando recuperou a Cayetana Álvarez de Toledo para o PP despois do tempo que pasou afastada do partido polo menosprezo que sentía por Rajoy; un apoucado sen madeira de líder. Cayetana volveu e, coma Messi, ofreceu caneos inimaxinábeis: “Vox no es un partido de derechas. Se parece más a la izquierda”. “¿Por qué se aceptan ruedas de prensa para Sánchez y Junqueras, y no para los presos por violación?”. Luciu a balón parado, chamando franquista a Pedro Sánchez porque todo o seu proxecto político consistía en sacar a Franco do Val dos Caídos; e na área pequena, afirmando que o procés é máis grave ca o 23-F. Para que ninguén se trabucase con ela, deixou clara a súa vocación de atacante: “No sé qué es eso de la moderación”. Pablo, engaiolado, ría de orella a orella. Tan satisfeito estaba, que o 30 de xullo nomeouna portavoz do partido no Congreso e pediulle que exercese coa máxima liberdade, mesmo criticándoo a el, se lle parecese necesario.

Cayetana fíxoo e o seu xogo no Congreso e nos medios de comunicación foi tan imprevisible coma o de Messi no campo. Opinou de todo, dixo o que lle deu a gaña e chutou contra todas as porterías, incluída a súa. No PP vasco provocou infartos cando nunha emisora de radio criticou “su tibieza con el nacionalismo del PNV”. O presidente do partido en Gipuzkoa respondeulle, irado, que “mientras algunas caminaban cómodamente sobre mullidas moquetas, nosotros nos jugábamos la vida defendiendo aquí la Constitución y la convivencia”.

Cayetana nin pestanexou. Decatárase de que na política española tiña unha misión redentora que cumprir: abrir o PP a todo o constitucionalismo; acoller a Ciudadanos, a Vox, a Rosa Díez…

Recordoume o Xerardo Fernández Albor, presidente do primeiro goberno galego, cando en 1984 citou no seu despacho a Carlos Casares e Alfredo Conde, deputados do PSOE, e propúxolles ser candidatos co PP nas próximas eleccións para nomealos conselleiros e crear un goberno verdadeiramente galeguista. Costou facerlle entender que non podía ser.

O pasado 27 de maio, o Congreso foi, unha vez máis, a feira das vaidades. Pablo Iglesias quixo mollarlle a orella a Cayetana recordándolle a súa condición de aristócrata, e Cayetana espetoulle: “Usted es el hijo de un terrorista. A esa aristocracia pertenece usted. A la del crimen político”. A Casado e toda a bancada do PP pareceulles unha xenialidade comparable aos mellores goles de Messi e recibírona con risas, aplausos e parabéns. A Núñez Feijoo pareceulle un desatino e pediu que non se repetisen eses espectáculos parlamentarios. Cayetana respondeu que tampouco a ela lle gustaban certas cousas de Feijoo e non foi invitada a participar na campaña das eleccións galegas. Nos últimos meses falaba Casado e Cayetana facíalle o mesmo caso que Messi a Quique Setién. Destituiuna o 17 de agosto e -quen o diría!- pode saír do PP como Messi do Barça: pola porta de atrás. Messi coas orellas gachas; Cayetana coa cabeza alta, moi alta. Iso sempre.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies