Puntadas sen fío: Pedro Sánchez, «profanador de tumbas»

Pedro Sánchez, «profanador de tumbas» por Siro
Pedro Sánchez, «profanador de tumbas» por Siro

Quizais porque o idioma galego é rico en eufemismos, sorpréndeme a agresividade dos adxectivos descualificativos que, en castelán, se lanzan contra Pedro Sánchez por querer retirar os restos de Franco do Val dos Caídos. O último, o de «profanador de tumbas».

Nun artigo anterior expuxen as razóns polas que Franco non pode estar nun monumento que recorde aos mortos dos dous bandos na Guerra Civil e simbolice a reconciliación das dúas Españas: Franco non morreu na Guerra Civil; non quixo ser enterrado no Val dos Caídos; a súa presenza é perturbadora, como serían as de Líster, Largo Caballero, Carrillo ou Pasionaria. E como estas son verdades axiomáticas, o presidente Pedro Sánchez ten a obriga política de retiralo.

Hai outra máis: ter a Franco no Val dos Caídos, con José Antonio, supón, para quen descoñece a historia, identificalos ideolóxicamente, cando eran radicalmente opostos. Tanto, que desde 1975 o fundador da Falanxe non deixou de revolverse, irado, na tumba. Hoxe hai tantas Falanxes como falanxistas, de aí que os opinantes sobre a presenza de Franco no Val dos Caídos vaian de quen a aproba porque atrae o turismo e dá diñeiro á Comunidade de Madrid, a quen afirma que José Antonio non debeu ser levado ao Val dos Caídos e ve nel «o último preso político do franquismo». Como titular de prensa, a frase é boa; pero non é certa. Franco non se adonou da figura histórica de José Antonio; regaláronlla os fieis camaradas -o irmán Miguel e Dionisio Ridruejo- ao facelo protagonista no traslado dos restos de José Antonio do cemiterio de Alicante ao mosteiro do Escorial, en 1939. Foi Franco quen os recibiu na basílica de San Lorenzo e quen repetiu as palabras que José Antonio dixera ante o cadavre de Matías Montero, o primeiro caído da Falanxe: «Que Dios te dé su eterno descanso y a nosotros nos lo niegue hasta que sepamos recoger para España la cosecha que siembra tu muerte».

En 1941 Franco xa non enganaba a ninguén e os fundadores da clandestina Falange Auténtica pensaron poñer fin á ditadura atentando contra el, pero non pasou dun proxecto. En 1947 Dionisio Ridruejo escribira unha segunda carta á Franco, na que rompía co Réxime. Porén, en 1959, a familia de José Antonio ratificou a doación ao Caudillo ao autorizar o traslado dos restos ao Val dos Caídos, nun acto presidido por Carrero Blanco.

O argumento máis repetido para xustificar a continuidade de Franco no Val dos Caídos é «aos mortos hainos que deixar en paz». Non valeu para José Antonio, levado en andas de Alicante ao Escorial, durante dez días e dez noites, cun cerimonial que podería inspirar a Solana as mellores imaxes da España negra; e, vinte anos despois, cun ritual semellante, do Escorial ao Val dos Caídos.

Cando escampe a tormenta de agravios, verase que Pedro Sánchez contenta a todos. Aos falanxistas porque, ao pasar os restos de José Antonio a un lugar discreto, deixará de identificarse co franquismo. Aos franquistas porque se cumprirá a vontade de Franco de ir ao Pardo. Aos roxos, porque o Val dos Caídos poderá ser o monumento ás vítimas da Guerra Civil. E, ademais, por fin se cumprirá o epitafio na tumba do gran profanador do Réxime, que foi Adolfo Suárez: «La concordia fue posible».

Deixa un comentario

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.