Puntadas sen fío: Pedras

Pedras por Siro
Pedras por Siro

Ximillupta Eróstrato, pastor en Éfeso (Turquía), tiña tanto afán de notoriedade que, en vez de facer unha pintada no templo de Artemisa -unha das sete marabillas do mundo antigo-, púxolle lume e destruíuno. É o primeiro atentado coñecido contra unha obra de arte e Plutarco datouno no 21 de xullo do 356 a. C. O pastor xustificouno porque con el garantía que o seu nome chegase ás xeracións futuras e, malia o esforzo das autoridades por impedilo, conseguiuno. Hoxe chámase complexo de Eróstrato o de quen procura a fama, mesmo con accións infames, como as agresións ao patrimonio arquitectónico e monumental; ás veces persoas que senten o pracer inmenso e ridículo de facerse visíbeis a través dun garabato.

Certo que as máis graves agresións ás obras de arte causáronas o fanatismo relixioso e o sectarismo político. Das primeiras temos exemplos abraiantes, no pasado afastado, coa construción da catedral de Córdoba na mesquita; e no recente, cos xigantescos Budas de Bamiyán, dos séculos V ou VI, que os talibáns afgáns demoleron no 2001. Tamén cómpre recordar que o labor policial impediu aos xihadistas detidos en Barcelona, en 2017, voar o templo da Sagrada Familia. As consecuencias do sectarismo político nas artes plásticas víronse na persecución dos artistas das vangardas baixo o nazismo e o stalinismo, defensores dunha ‘arte heroica’ e dun ‘realismo socialista’, respectivamente, que viñan ser a mesma cousa: a negación da arte pola arte e das grandes conquistas da arte.

Terrible, sen dúbida; pero explicable desde o fanatismo e o sectarismo. O que resulta inexplicable, por moitos que sexan os considerandos, é que alguén chegue ás Praterías armado cun rotulador, esborranche unha figura labrada en pedra, con nove séculos de existencia, e asine a obra cun pseudónimo que só el e os seus coñecen. E, non obstante, en España estes agresores reprodúcense coma as velutinas. Hai sete anos, o concello de Granada puxo en marcha un plan contra os graffiteiros, que danaran o 80 % dos espazos patrimoniais, e en ano e medio cacharon a 49. Hainos dun e doutro sexo, de distintas idades e con diferentes niveis de formación. Ata hai turistas estranxeiros que queren deixar nas pedras o testemuño das súas visitas. No 2011 sorprenderon a un oficial do exército xordano cando gravaba o nome e a data no pazo de Carlos V, en Granada. O despropósito resultou maior ao saberse que estaba en España en misión oficial. Un ano despois pillaron a unha turista suíza e romántica que tentou gravar nunha parede do Cuarto Dourado da Alhambra o debuxo dun corazón e unha inicial.

Que ten en común toda esta xente?, preguntábame para poder representalos a todos nunha ilustración. Non se me ocorría nada ata que recordei os versos de Celso Emilio Ferreiro: O cranio é de pedra. / De pedra os miolos / e as ideas./ De pedra o ollar, / as palabras, / as risas, / os pensamentos / e os sentimentos / son de pedra. / Todo é pedra, pedra, pedra, / nesa miserenta cabeza / de pedra.

Pode que os versos non fosen tal que así, pero empezo a ter furados na memoria.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.