Puntadas sen fío: O papa Francisco e o matrimonio gai

Puntadas sen fío: O papa Francisco e o matrimonio gai por Siro
Puntadas sen fío: O papa Francisco e o matrimonio gai por Siro

A miña amiga ultracatólica mandoume un wasap cun arquivo e un comentario alarmista: “Esto es gravísimo. Supone el acto final para que se produzca un cisma”. O arquivo titúlase Francisco alienta la unión civil para parejas del mismo sexo e informa de que no documental Francesco, do cineasta ruso Evgeny Afineevsky, estreado en Roma o día 21, o papa di que os homosexuais teñen dereito a formar unha familia porque son fillos de Deus e cómpre facer unha lei de convivencia civil que os ampare.

Por moito que o leo non vexo que as palabras do papa vaian contra o Maxisterio da Igrexa. A homosexualidade non é pecado e o Catecismo da Igrexa Católica, editado en 1992, déixao claro: “Un número considerable de homes e mulleres teñen tendencias homosexuais instintivas. Non elixen a súa condición homosexual. Deben ser acollidos con respecto, compaixón e delicadeza. Evitarase a inxusta discriminación con eles”.

O papa Francisco xa fixera declaracións que os medios converteron en titulares de primeira páxina: “Si alguien es gay y busca al Señor con sinceridad, ¿quién soy yo para juzgarlo?”, en 2013. “Jesús no respondería a nadie: -Vete porque eres homosexual.”, en 2016. Porén, nos dous casos afirmaba algo sabido: que gais e lesbianas poden ser parte da familia católica. A novidade estivo en non acollelos “con compaixón e delicadeza”, senón con amor; como a homes e mulleres heterosexuais.

Se a homosexualidade non é pecado, a formación de unidades familiares por persoas do mesmo sexo tampouco debería selo. Digo debería porque hai unha condición sine qua non. Como a relación carnal entre persoas do mesmo sexo si é pecado, as familias de homosexuais terán que vivir en castidade. Dío o Catecismo: “As persoas homosexuais están chamadas á castidade”. A voz chamadas é eufemismo de obrigadas, claro. E velaí a razón do alarmismo, que non está no que Francisco dixo, senón no que non dixo, pero os alarmados intúen que pode chegar a dicir. Efectivamente, a cuestión é saber se Francisco apoia aos gais e lesbianas católicos que desexan formar familias, porque cre que van vivir castamente; ou apóiaos a sabendas de que queren vivir o amor pleno, espiritual e físico, das parellas heterosexuais. Non o sabemos e tampouco se acepta que a unión civil de persoas homosexuais se chame “matrimonio”. En 2017 referíase a elas como “parellas de feito”.

Malia ter denunciado “unha corrente de corrupción” e recoñecido “un lobby gay” na Curia Romana; manifestarse contrario á “ditadura da economía e do culto ao diñeiro”; rexeitar “o comportamento suicida que destrúe o planeta”; e eliminar o secreto pontificio nos casos de abusos a menores por membros do clero; o papa Francisco non é un revolucionario. Non o é, pero a alarma que crea no catolicismo ultraconservador e no neoliberalismo económico é a mesma; de aí a coincidencia nas aldraxes e descualificacións que recibe de ambos e que van da acusación de marxista á de ser un papa ilexítimo que pavimenta os accesos para a chegada do antecristo, ou ser el o mesmo antecristo.

O que fai de Francisco un papa especial é “o xeito” de comunicar, que chega onde quere. Dicir a un activista homosexual: “Dios es quien te hizo gay y Dios te ama. Y el papa también te ama” non resolve o problema, pero reconforta.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies