Puntadas sen fío: O vicepresidente Pablo Iglesias e o exiliado Puigdemont

Puntadas sen fío: O vicepresidente Pablo Iglesias e o exiliado Puigdemont por Siro
Puntadas sen fío: O vicepresidente Pablo Iglesias e o exiliado Puigdemont por Siro

Volvía Salvados á programación de La Sexta con Pablo Iglesias como convidado e o espazo acadou máxima audiencia. A ocasión era idónea para o lucimento e o vicepresidente, bo comunicador, dixo cousas interesantes e tivo momentos brillantes ata que Gonzo, o entrevistador, lle fíxo a pregunta que moitos esperabamos:

-Por que di vostede que o Rei Emérito é un fugado e o expresident Puigdemont un exiliado?

O vicepresidente respondeu que Carles Puigdemont non está en Bruselas por roubar e tentar enriquecerse, senón por levar as súas ideas políticas ao extremo. O do rei Juan Carlos, se é verdade e próbase, ten unha consideración moral moi diferente.

Gonzo insistiu e, con galeguísimo acento, preguntoulle se equipara a Puigdemont cos republicanos exiliados no franquismo. Pablo Iglesias pensouno brevemente e con xesto solemne asentiu: -Pues lo digo claramente: creo que si, creo que sí.

O dislate da afirmación vese ao compararmos o exilio dourado de Puigdemont co dos tres presidents da Generalitat, en Francia, despois da Guerra Civil. Lluís Companys, president desde 1934, foi detido pola Gestapo, entregado ás autoridades franquistas, interrogado durante 34 días na Dirección Xeral de Seguridade; xuzgado en consello de guerra e fusilado en 1940. Josep Irla, president do Parlament pasou a selo da Generalitat. Evadírase do campo de concentración de Le Mans, onde o recluíra o goberno filonazi de Vichy, e viviu sempre, mesmo como máximo mandatario da Generalitat, da fabricación de tapóns de corcho; o seu primeiro oficio. En 1954, vello, enfermo e pobre, renunciou á presidencia. Foi elixido Josep Tarradellas, tamén con experiencia azarosa para non ser detido e deportado a España. Como president viviu 23 anos de orgullosa pobreza nun caserón en Saint-Martin-Le-Beau. Cantos o visitaron describiron aquel fogar como austero, protocolario e frío. O senador e historiador Josep Benet dixo que, en 1977, cando volveu a España, a súa situación económica era desesperada.

Puigdemont vive en Bélxica con inmunidade xurídica e ata agora na opulencia. En Nadal soubemos que o Xuzgado de Instrución número 1 de Barcelona investiga se recibe diñeiro público a través da Plataforma pro Selecciones Catalanas. Se é así e próbase, “o seu” e o do Emérito non terán a diferente consideración moral que ve Pablo Iglesias. Un Pablo Iglesias que, malia as críticas recibidas pola desatinada equiparación, non pediu desculpas e reitera que Puigdemont é un exiliado político.

A soberbia é a ama de cría da necidade, e a de Pablo Iglesias é tanta que lle perturba a mente. Afirmar, como vicepresidente do Goberno, que o Puigdemont que se mofou da Constitución e do Estatut é un exiliado político, é unha tolería. Equiparalo aos exiliados republicanos, unha parvada. Non recoñecer o erro e atacar á dereita, como se as críticas máis duras non lle viñesen de asociacións da memoria histórica e descendentes de exiliados, unha puerilidade. Un vicepresidente que, ante a proximidade das eleccións catalanas, repite a todas horas que non se vai sumar á criminalización do independentismo. E a min paréceme ben se non confunde o cu coas témporas. Á hora de pensar, digo.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies