Puntadas sen fío: Auga, ortografía e humor

Puntadas sen fío: Auga, ortografía e humor por Siro
Puntadas sen fío: Auga, ortografía e humor

Albricias! Gaudeamus temos! Venturoso día o de onte, 23 de abril, Día do Libro, en que por fin vin corrixido en Tv o anuncio publicitario dun teléfono móbil, presentado polo actor Antonio Resines, que o compara cunha auga mineral e di “Si a esta agua le quitamos…”. Levaba semanas en pantalla repetindo un “Si a este agua…” que soaba nos oídos de calquera amante do idioma como unha matraca estrondosa. Malo que Resines, con mil lecturas no miolo, non saiba que en castelán agua é substantivo feminino e que dicimos el agua e non la agua por razóns de fonética; malo que non o saiban o guionista do anuncio, nin cantos participaron na realización e edición; nin os clientes que o aprobaron. Malo que ningún recorde o refrán “Nunca digas de esta agua no beberé”, que podería valerlles de guía. Todo é malo, pero peor é comprobar que o deterioro do idioma castelán é pandémico. En canto busquei o refrán en Google, apareceu un artigo do xornal dixital OKDIARIO, dirixido por Eduardo Inda, que se declara “el más atrevido de España”, e no titular di: “Origen de la expresión De este agua no beberé”. No texto repítese varias veces o desaguisado e está na rede desde maio de 2018. Non é un caso aillado. Erros da mesma importancia hainos noutras publicacións.

Hai anos, oínlle contar a José Luis Cuerda que os seus guionistas eran xente nova, todos competentes pero con pésima ortografía e cando tentaba corrixilos, ollábano como a un vello carcamal e reaccionario. A cousa non é nova. Julio Camba falaba en 1941, no artigo Sobre la sintaxis y la sinceridad,dun personaxe que reuniu a varios amigos para lerlles un texto literario que ía dar á imprenta e como un lle fixo notar certas faltas de redacción, respondeu: -No importa. Así tendrá el documento un mayor carácter de sinceridad y energía. A que recorda os comentarios dalgúns dos nosos políticos e políticas? Camba, habilísimo co escalpelo da ironía, ridiculizou ao autor e o argumento, como faría hoxe cos da linguaxe inclusiva .

Non é allea á corrupción do idioma a RAE, que nin limpa, nin pule, nin dá esplendor; porque remata aceptando as barbaridades que xornalistas, políticos e influencers facemos virais. Cando os académicos do XIX vían en Cervantes un enxeño leigo a quen a pluma se lle volvera fecunda por casualidade no Quixote, o escritor británico Laurence Sterne descubría nel o creador da novela moderna e do humorismo. Admirouno tanto que cando se puxo a morrer quixo formar parte dunha Santa Compaña de escritores que deixaran o mundo con risas e bromas, encabezada por Cervantes. Broma pesada foi perder os restos de Cervantes no convento das Trinitarias en Madrid cando levaba cincoenta anos morto, e broma de pésimo gusto o anuncio da súa aparición o 11 de marzo de 2015 para que a alcaldesa Ana Botella lle dedicase un monumento antes de conmemorar, en 2016, o cuarto centenario do pasamento do escritor. A Sterne non lle foi mellor. Roubaron o seu cadáver e vendérono á Universidade de Cambridge para estudos de anatomía. Un alumno recoñeceuno e devolveron os anacos á terra. Seguro que onte celebraron xuntos o Día do libro no Parnaso, rindo das súas desventuras e brindando con viño de Esquivias, que Cervantes tiña por divino.   

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies