Puntadas sen fío: Orquestras

Orquestras por Siro
Puntadas sen fío: Orquestras por Siro

Cando falo de humor e defino a retranca como «unha trécola intelectual da que os galegos nos valemos para saírmos dunha situación conflitiva sen comprometernos», poño como exemplo o da vella que nunha viñeta de Castelao dicía aos da comisión de festas:

-Coma vostedes xa viñeron outros e tampouco levaron nada, que non se lles pode dar a todos.

Se esa situación se dese agora, en 2019, é probable que a vella, na vez de negar o óbolo, inquirise:

-E que orquestra ides traer?

O extraordinario interese que polas orquestras hai en Galicia, sobre todo fóra das grandes cidades, é un fenómeno recente, único en España, que a socioloxía haberá de explicar no futuro; o que hoxe está claro é que as festas de calquera concello, mesmo de calquera parroquia, serán un fracaso para os veciños se non actúa unha boa orquestra. Non é difícil conseguila porque hai moitas onde escoller -arredor de 300- e de calidade contrastada as máis delas; aínda que só algunhas poidan converter as actuacións en espectáculo, con grandes escenarios, pantallas, luces e todo canto a tecnoloxía de vangarda pode achegar. Esas grandes orquestras, das que a París de Noia e a Panorama son máximos expoñentes, teñen milleiros de seareiros que se desprazan con elas durante o verán para velas en cada actuación.

No Ferrol da miña infancia e adolescencia, na primeira metade dos 50, había moitas e moi boas orquestras, que os rapaces seguiamos de barrio en barrio e de verbena en verbena. Nutríanse de músicos militares e das voces da Coral Polifónica de Bazán, do Coro Toxos e Froles e das rondallas que protagonizaban a noite máxica do 18 de marzo, cando todas as mulleres da cidade son fermosísimas e todas son Pepitas. Era tal a afección dos ferroláns ao canto que nas noites de verán o churreiro Bonilla arranxaba unha terraza no Cantón de Molíns, ao pé do palco da música, con micrófono e megafonía para que cantase quen quixer, e sucedíanse os intérpretes toda a noite. Un deles, mozo aínda, todo sentimento, cantaba unha noite cos ollos pechos en procura da necesaria concentración, cando un moscón enorme, atraído pola luz, deulle varias voltas arredor da boca e coóuselle pola gorxa. O mozo correu a un recuncho, tusiu, provocou as arcadas e cuspiuno. Despois secou as bágoas, achegouse ao micrófono e explicou: «Señoras, señores, tienen que perdonar, pero me he tragado un díptero». Chamábase Patiño e anos despois foi vocalista da orquestra Rosaleda.

As orquestras de Ferrol tiñan como modelos as de Antonio Machín, Lorenzo González, Bonet de San Pedro e Jorge Sepúlveda; vestían coma elas e interpretaban os seus repertorios. Jorge Sepúlveda, cantor romántico, con voz de caramelo, pelo con brillantina e bigotiño fino, facía de cada canción un éxito, pero a min non me caía ben porque lle vía pinta de artista do Réxime. Anos despois souben que combatera no exército republicano, estivera no cárcere, formara parte da Asociación de Militares Republicanos e cando morreu, en 1983, quixo ir envolto na bandeira da República a unha foxa común, para correr a mesma sorte de tantos outros vencidos.

Eu son dos que cantan na ducha e nin un so día deixo de entoar un anaco de Mirando al mar, o maior dos seus éxitos. E non o fago como penitencia; fágoo por nostalxia.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies