Puntadas sen fío: O cuarto Rei Mago

Feliz Nadal 2021 Siro
Feliz Nada 2021

Das moitas humoradas que me chegaron por wasap nas festas de Nadal, ningunha me pareceu tan enxeñosa como a viñeta coas siluetas de catro Reis Magos en ringleira, recortadas no horizonte. O de diante pregunta: -¿Pero no éramos tres? E o último bérralle: -¿Por qué no te callas?

O certo é que no evanxeo de Mateo -único que informa da adoración dos Magos- non se di cantos eran e nas representacións gráficas das catacumbas de Roma aparecen dous, tres e catro; pero houbo comunidades cristiás que falaban de doce, quince e ata de sesenta. O papa León I resolveu o dilema no século V ao dicir na homilía Solemnidade da Epifania que son tres. Pouco despois xa tiñan nome propio e aínda que seguían sendo Magos e así se representaban en pinturas e mosaicos, non tardaron en converterse en Reis Magos e trocar os gorros por coroas. No século XV, Baltasar pasou a ser negro e tamén indíxena do Novo Mundo nalgúns lenzos, durante a conquista e colonización. Ante tal desmesura imaxinativa non pode estrañar que circulase a lenda dun cuarto Rei Mago, peregrino a Belén, que non chegou a tempo de adorar o Neno.

A min paréceme o argumento idóneo para que un escritor de talento como Chejov, Bernard Shaw ou o noso Wenceslao crease un Rei Mago humorístico de valor universal, ao xeito de Don Quixote, que Woody Allen levaría ao cine como director e protagonista; pero o pastor presbiteriano estadounidense Henry van Dike viu na lenda a inspiración dun conto moralizante e escribiuno en 1896. Chamou Artabán ao cuarto Rei Mago: advertiu ao lector de que relataría o que oiu no Vestíbulo dos Soños, no Pazo do Corazón Humano; e contou que Artabán saiu da cidade de Ecbatana, en Persia, para encontrarse con Melchor, Gaspar e Baltasar no Templo das Sete Esferas, á saída de Babilonia e faceren xuntos o camiño a Belén. Artabán levaba un zafiro, un rubí e unha perla como ofrenda ao Salvador; pero atopou un enfermo moribundo e detívose a atendelo. Devolveuno á vida, mais aquela demora obrigouno a viaxar so e a pagar co zafiro as provisións para cruzar o deserto. Chegou a Belén cando xa a Sagrada Familia fuxira a Exipto e os soldados de Herodes mataban os nenos. Sobornou co rubí a un capitán e puido salvar a un. Despois, durante 33 anos, buscou a Xesús entre os pobres e os oprimidos, sen atopalo; e cando, vello e enfermo, volveu a Xerusalén, soubo que ían crucifícalo con dous ladróns. Artabán pensou que quizais podería rescatalo coa perla que aínda gardaba; pero viu unha moza que ía ser vendida como escrava para pagar as débedas do pai, e mercou coa perla a súa liberdade.

Xesús morría no Gólgota e Artabán morría tamén, sentindo o fracaso da súa misión; entón escoitou unha voz que viña de lonxe e dicíalle: “Canto fixeches polos meus irmáns, por min o fixeches”. E conta Van Dike que Artabán suspirou con alivio e finou cun sorriso nos beizos.

Non serei eu quen negue mérito ao Emérito para figurar como cuarto Rei Mago na viñeta que me enviaron. De estrelas sabe o que esqueceu o demo –terreais todas, si, pero cegadoras-; e en fabricar ouro non houbo alquimista que o igualase. Para min que ten a pedra filosofal nun banco suízo. Porén, posto a escoller un cuarto Rei Mago, quedo co Artabán de Henry van Dike. A este véxoo cos outros tres no relicario da catedral de Colonia e ao Emérito celebrando cumpreanos en Abu Dabi. A cadaquén o seu.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario