Puntadas sen fío: Nicolás Maduro e os humoristas

Nicolás Maduro e os humoristas por Siro
Nicolás Maduro e os humoristas por Siro

Nas democracias europeas, políticos e humoristas soen manter relación cordial, mesmo cando o humorista non é ecuánime e fai política partidista. Os espazos humorísticos en prensa, radio, televisión e teatro, por críticos e satíricos que sexan, dan popularidade ao político que os protagoniza, e a popularidade é o seu caldo de cultivo; de aí o acordo tácito entre ambos para utilizarse mutuamente.

Nos rexímenes ditatoriais esa relación non existe porque o político non tolera a crítica e, se está feita con enxeño e fai rir, menos aínda. Na España dos anos sesenta, a revista La codorniz, dirixida por Álvaro de Laiglesia, falanxista e voluntario da División Azul, foi multada por meter ao ministro Torcuato Fernández Miranda en La cárcel de Papel, de Evaristo Acevedo, que tampouco era ningún revolucionario.

A proba do algodón para saber se un réxime é democrático ou non está na tolerancia ou intolerancia da crítica á xestión política. Alguén como Nicolás Maduro, que nos mitins ri, fai chistes contra os inimigos e baila a ritmo de reggaton, debería tragar sen esforzo os sapos vivos das burlas e reproches dos humoristas; pero non é así e os mellores caricaturistas e viñetistas están no exilio. O de Rayma Suprani produciuse antes, en 2014, cando foi despedida no xornal El Universal, onde traballara 19 anos, por facer unha viñeta na que mostraba cun electrocardiograma sen latexos o estado de saúde da Venezuela de Hugo Chávez. En 2017 seguírona Roberto Weil, ao perder o traballo no xornal Últimas Noticias, e Eduardo Sanabria “Edo”, que non esperou a que o botasen.

Maduro non atura a crítica en viñetas. Aborréceas tanto, que no reaxir pode chegar ao esperpento. Nunha das subidas de salario aos militares, o xornal El Carabobeño publicou unha viñeta na que un oficial, sentado nunha bolsa de dólares tan grande que lle serve de cadeira, consulta a un médico que ten na man unha bolsa pequeniña. A crítica é suave, pero un Maduro irado dirixiuse a unha asamblea con ampla presenza de militares, mostrou a viñeta, calificou aos propietarios do xornal de “oligarquía rancia” e engadiu:

Bandidos, bandidos. Los dueños del periódico son unos bandidos. Aprendan a respetar la dignidad de la Fuerza Armada Nacional Bolivariana. A la Fuerza Armada Nacional Bolivariana se respeta, así como a nuestro pueblo se respeta. Los repudio, los rechazo por bandidos. No saben lo que es la moral, la entrega, la dignidad, la disciplina, el compromiso patrio de la Fuerza Armada Nacional Bolivariana. ¡Que viva nuestra Fuerza Armada Nacional Bolivariana! ¡Que viva la Fuerza Armada Nacional Chavista!.”

Non lles vai mellor aos actores en espectáculos cómicos. O veterano e prestixioso Laureano Márquez, que presenta o espectáculo Laureano en un País de Maravillas, xa pasou polos tribunais de xustiza, e Ricardo del Búfalo, outro actor con talento, di que se o xenio da lámpara lle concedese un desexo, pediría “un solo día sin chavismo”. Todos os cómicos coinciden en que a súa é hoxe una profesión de risco, pero o público asiste aos espectáculos máis que nunca “para buscar un poco de salud mental dentro del caos”. 

A partir do Guernica, Edo fixo en Miami un mural que titulou Venezuela: horror y esperanza. Víronse copias en rúas e prazas de Caracas.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.