Puntadas sen fío: Martín Villa ante a xuiz Servini

Puntadas sen fío: Martín Villa ante a xuiz Servini por Siro
Puntadas sen fío: Martín Villa ante a xuiz Servini por Siro

O escritor Juan José Millás recordou na SER unha conversa con Rodolfo Martín Villa sobre a detención de Santiago Carrillo en Nadal de 1976 e o comentario do ministro de que chamara á comisaría para que non o torturasen. Millás, abraiado, preguntoulle: -¿Pero entonces usted es ministro del Interior de una Policía que sigue torturando? O sea que para proteger a un detenido, ¿tiene usted que llamar para que no le peguen? Martín Villa respondeulle cun aceno como dicindo: “Éche o que hai”.

Era o que había e a min sorpréndeme que Juan José Millás, home de tantos saberes, descoñecese que o maltrato e a tortura, foron prácticas comúns en moitas comisarías e cuarteis da garda civil no comezo da Transición. Unha das tarefas de Martín Villa foi erradicalas e Félix Alonso, comisario xubilado, recoñécelle o mérito de trocar os mandos reaccionarios por outros dispostos a defender o ordenamento constitucional e os dereitos e liberdades dos cidadáns. Cando en febreiro de 1976, durante un conflito laboral, foi detido en Lasarte Antonio Gutierrez, futuro secretario de CCOO, levárono ao cuartel de Intxaurrondo e o comandante Antonio Tejero, mostrándolle unha carpeta, berroulle: “Dale gracias a esos ministrillos reformistas que son unos rojos y unos liberales; porque con este expediente no salías vivo de aquí, hijo de puta”.

Vivo saiu, pero durante días soubo por que aquel cuartel era famoso e odioso.

Martín Villa compareceu o pasado xoves, durante catro horas por videoconferencia, ante a xuíz arxentina María Servini, que o acusa de delitos contra a humanidade, polos mortos en accións represivas das forzas de seguridade do Estado e grupos de extrema dereita durante a Transición.

Especial relevancia ten a carga policial do 3 de marzo de 1976 en Vitoria, para poñer fin á asemblea de 4000 traballadores en folga, co resultado de cinco mortos e un cento de feridos. Nas gravacións da policía a mesma voz que pedira reforzos e advertira de que empregarían as armas, informa con fachenda: “Hemos contribuido a la paliza más grande de la historia. Aquí ha habido una masacre. Pero de verdad una masacre”.

Presidía o goberno Arias Navarro e era ministro do Interior Manuel Fraga, que ese día estaba en Alemania. Ninguén asumiu a responsabilidade da acción policial, pero non é crible que a decidise Martín Villa, ministro de Relacións Sindicais.

O paradóxico é que tamén na Plaza de Mayo de Buenos Aires se produciu unha masacre semellante o 20 de Nadal de 2001, durante as protestas populares contra o corralito bancario decretado polo goberno de Fernando de la Rúa, e ninguén se responsabilizou da represión policial que causou seis mortos e douscentos feridos; pero o expresidente De la Rúa declarou ante a Xustiza, en 2009 e 2015, que foi a xuiz Servini quen ordeou desaloxar os manifestantes.

Tamén o é que as cartas á xuíz Servini de expresidentes do Goberno, pais da Constitución e exlíderes sindicais en defensa da actuación de Martín Villa no ministerio de Gobernación, lle pareza ao portavoz da Coordinadora Estatal de Apoyo a la Querella Argentina “una presión intolerable”. Pero xa se sabe que falar non ten cancela.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies