Puntadas sen fío: José Couso outra vez

Puntadas sen fío: José Couso outra vez por Siro
Puntadas sen fío: José Couso outra vez por Siro

A familia de José Couso, o cámara de Tele 5 morto en Bagdad, en 2003, cando un tanque do exército dos EEUU disparou contra o Hotel Palestina, no que se aloxaban 200 corresponsais de varios países, nunca pediu unha compensación económica, senón xustiza: que se recoñecese a acción como crime de guerra e fosen xulgados os tres militares responsábeis. A indemnización de 182.000 euros que o Estado debe abonar á viúva e os fillos, por recente sentenza da Audiencia Nacional, débese á “omisión de protección diplomática” que o Estado estaba obrigado a darlles e lles negou; pero “os irmáns, amigos e compañeiros” que, despois de pasar por todos os tribunais de xustiza en España, teñen o caso no Tribunal de Dereitos Humanos, en Estrasburgo, non recibirán un euro.

Convén aclarar esta circunstancia antes que se poñan en circulación observacións insidiosas como: “Dicían que non querían cartos, e mira”. Hai anos, en días previos á entrega do Premio José Couso de liberdade de prensa, en Ferrol, espallouse pola cidade un infundio: “Compara a dignidade con que Julio Anguita aceptou a morte do seu fillo, xornalista en Irak, coa feira que andan a montar os familiares de Couso”. A diferenza estaba en que Julio Anguita Parrado exercía de corresponsal de guerra nun centro de comunicacións do exército dos EEUU, onde caeu un misil iraquí e houbo mortos e feridos. Foi unha acción bélica, un accidente laboral. Nada que ver coa morte de Couso, consecuencia dun meditado castigo á prensa polo exército norteamericano, que, horas antes, atacara as sedes das cadeas de TV Al Jazeera e Abu Dhabi.

Aquel libelo non ten máis explicación que o odio entre as dúas Españas. José Couso levaba na cámara unha pegatina que dicía “No a la guerra” e o avó materno foi un militar que fixo a guerra no bando republicano.

No libro “Una España mejor”, Mariano Rajoy comenta parte da súa traxectoria política. Da guerra de Irak non di nada, pero como vicepresidente do goberno de Aznar, tivo os primeiros contactos coa familia de José Couso; e, en 2014, sendo presidente do Goberno con maioría absoluta, modificou a Lei da Xurisdición Universal, que impediu ao Supremo xuzgar o caso Couso e, de rebote, puxo en liberdade a medio cento de narcos.

A sentenza da Audiencia Nacional dá a razón á familia de Couso –unha panda de antipatriotas, en opinión de Aznar- e condena ao Estado a reparar o dano causado, porque a morte se produciu en circunstancias que “constituyen un ilícito internacional” e a Administración do Estado “se limitó a recibir y aceptar las explicaciones ofrecidas por la Administración de los Estados Unidos en el sentido de que el ataque al hotel Palestina se encontraba justificado y que el fallecimiento del señor Couso fue un lamentable accidente”.

Como non creo que, da noite á mañá, os maxistrados da Audiencia se fixesen podemitas, non entendo que o Goberno de Pedro Sánchez recorra a sentenza co argumento da ministra de Exteriores, Arancha González Laya, de que a decisión xudicial obrigaría ao Estado a atender calquera petición de calquera español que se encontre no extranxeiro. Muller, calquera de calquera non;  a da familia dunha vítima dun crime de guerra, si. Rotundamente, si.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies