Puntadas sen fío: Irene, éche un escándalo

Puntadas sen fío: Irene, éche un escándalo por Siro
Puntadas sen fío: Irene, éche un escándalo por Siro

Nas festas de Nadal visitei a uns amigos nun pobo da serra de Madrid e durante a conversa sobre temas inevitábeis como a pandemia ou o cambio climático, a señora da casa, muller boísima e candorosa, comentou alegremente: “¿Qué podemos esperar de un gobierno que tiene de ministra a una cajera de supermercado?”. A filla preguntoulle se falaba de Irene Montero, ministra de Igualdade, e como asentiu explicoulle que a ministra é licenciada en Psicoloxía e se algunha vez foi caixeira de supermercado, a experiencia pódelle ser útil porque a axudará a coñecer o mundo do traballo e o que costa gañar un salario. A conversa rematou coa opinión compartida do doado que resulta desacreditar a alguén con mentiras que, como dixera Goebels, repetidas mil veces percibímolas como verdades.    

O que non sabiamos é que ese mesmo día, 4 de xaneiro, o deputado Pablo Cambronero, do Grupo Mixto, rexistraba unha pregunta no Congreso sobre o incremento de patrimonio de Irene Montero, que en 2016 era de 6.823 euros e hoxe é de 629.969. E isto non é mentira, que son datos do BOE. En números redondos, a ministra de Igualdade multiplicou por cen os bens patrimoniais, en cinco anos. Soa escandaloso. Tanto, que releo os datos e a voz de Raphael martirízame a orella: “¡Escándalo, es un escándalo!”. Como é posible –pregúntome- que mentres os pobres en España son cada día máis pobres e a clase media ve mermar os aforros, esta muller obteña, aquí na terra, o cento por un, que so os máis afortunados acadarán no Ceo? Négome a cuestionar a honradez da ministra e sigo dando voltas ao miolo: será que volve aquela España de finais dos anos oitenta e primeiros noventa cos socialistas no Goberno e Carlos Solchaga no timón da Economía, proclamando, fachendoso, que “España é o mellor país do mundo para facerse rico en menos tempo”? Volvería “a economía do pelotazo” e so Irene Montero se decatou? Nese caso, a ministra de Igualdade, para selo de verdade, debe aprendernos o truco. Con 20 millóns de familias montadas no euro, España será, sen dúbida, o mellor país do mundo.

Un muxido de Raphael, como de boi de macrogranxa, vólveme á realidade e deixo de soñar; así que collo lápiz e papel, boto contas e asinto: si, é un escándalo, porque escandaloso é o que cobran os políticos; pero coido que a ministra non terá problemas para demostrar a licitude do incremento do seu patrimonio. Poderá sentir certo pudor ao recordar o que gañaba como caixeira de supermercado, pero non terá que escudarse en premios da lotería nacional, recurso de tantos narcos e políticos cesantes.

É o que penso, pero podo estar errado. En calquera caso, Pedro Sánchez fará ben en non permitir a máis mínima sospeita de corrupción no Goberno e Irene Montero deberá facerlle as contas na man ao deputado Cambronero e dalas a coñecer á cidadanía, aínda que escandalice ao seu electorado. O do PSOE -polo menos os vellos militantes e simpatizantes que coñezo-, pode aturalo todo, agás máis fedor de corrupción. O cabreo coa Promoción Social de Vivendas a baixo prezo desde a UGT, que deixou sen aforros e sen vivenda a centos de traballadores, en 1993; o noxo polo caso Roldán, no 1994, e o abraio ante os recentes ERE de Andalucía, fíxoos radicalmente intolerantes e esixen máximo rigor no control aos cargos do partido. Como ao Rei Emérito, vamos.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario