Puntadas sen fío: Galicia profunda

Puntadas sen fío: Galicia profunda por Siro
Puntadas sen fío: Galicia profunda por Siro

Dúas palabras que sentimos como picadas de aguillón na nosa alma colectiva enfrontáronnos coa xuíza de Marbella que cualificou a parroquia de Torea, no concello de Muros, de “Galicia profunda”. Hai moitos anos, cando os galegos eran aldraxados por calquera dos poderes do Estado refuxiábanse no humor e razoaban: “Mexan por nós e hai que dicir que chove” ou, máis aparentemente conformistas aínda: “Mentres o pau vai e vén, descansa o lombo”. Pero iso é historia, que hoxe temos a dignidade na flor da pel e reaximos todos a unha contra o agravio, e ata o Parlamento Galego aprobou, por unanimidade, unha declaración institucional para deixarlle claro á xuíza de Marbella que a expresión “Galicia profunda” é pexorativa e non compre a ningunha vila, parroquia ou aldea galegas. Mágoa que a sesión non rematase co Himno Galego cantado a coro e o tremolar da bandeira azul e branca; pero o presidente Núñez Feijoo, en plena éxtase, publicou en Twitter unha foto súa, de pequeniño, coa avoa Eladia, nos Peares, para proclamar que tamén el foi un neno da Galicia que a xuíza chama “profunda”; e a moita honra!.

A min as palabras da xuíza trouxéronme á memoria as afrontas que Galicia e os galegos recibimos de autores españois do Século de Ouro. Galicia era “muladar de España”, “rincón del mundo” e por iso “se avergüenza el Santo/ de mostrar que está en Galicia”. Os galegos eran borrachos, lingoreteiros, ladróns, desleais e, por se fose pouco, malos católicos; de aí que na fala coloquial aparecesen expresións como: “ni perro, ni negro, ni mozo gallego”, “antes moro que gallego” e “antes puto que gallego”. As mulleres describíaas un proverbio: “moza gallega, nalgas y tetas”, e pasaban por porcas e pouco miradas en perderen a virxinidade. Ah! E aos xuíces que se deixaban subornar chamábanos “galicianos”, por seren falsos como as mulas galegas, que largaban un par de couces, a traizón, a calquera que se lles achegase.

A xuíza de Marbella non debe de ser moi viaxada e ignora que o presidente Fraga, o conselleiro Cuíña e o crego don Felisindo fixeron unha rede de autoestradas, autovías, estradas e pistas que comunican o país enteiro; e a Galicia profunda, illada e perdida no tempo, que ela imaxina, non existe. E estou certo de que tamén ignora o que calquera adulto dos 319 veciños de Torea saben moi ben sobre falar e calar: “Palabra e pedra solta non teñen volta. As palabras, contadas e pesadas. A mellor palabra é a que queda por dicir”. E, finalmente: “Quen fala o que non debe, oe o que non quere”.

O bo do caso é que esas dúas palabras ferintes aparecen no remate dos vintecatro folios que compoñen o auto, no que a xuíza explica polo miúdo as razóns que a levaron a conceder a tutela dun neno de trece meses ao pai e non á nai. Léndoo, parece que lle sobra razón; pero, que credibilidade –digo eu- pode ter unha xuíza que fala da Galicia profunda? Ante a repercusión mediática que tivo o seu desatino, a avogada do pai do neno laiouse: “En este país prima más el sensacionalismo que el sentido común”. Non lle falta razón. No xornalismo hai un principio básico: “A noticia non é que un can trabe a unha persoa, senón que unha persoa trabe a un can”. Por iso buscamos, amañamos ou creamos noticias de persoas que traban a cans; como a da xuíza de Marbella que non concedeu a custodia á nai dun neno por vivir na Galicia profunda. No titular algo de certo había; pero, por un lado xa ven e polo outro, que queren que lles diga.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

1 comentario en “Puntadas sen fío: Galicia profunda”

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies