Puntadas sen fío: A Galicia das supersticións

Puntadas sen fío: A Galicia das supersticións por Siro

Sorprende nun home tan medoñento como Wenceslao Fernández Flórez o valor para incluír no libro Las gafas del diablo, editado en 1940, a Teoría del gallego, sátira divertidísimacontra o centralismo español; e non sorprende menos a permisividade da censura, tan severa con el nos anos seguintes. Trátase dunha suposta entrevista a un ex ministro da Coroa nos días en que os xornais se ocupaban no “problema rexionalista”. O ex ministro afirmaba que o problema era artificioso porque as rexións carecían de personalidade, aínda que tivesen certas peculiaridades sen interese, orixinadas polo ambiente. El podía falar do tema con rigor porque sempre tivera por primeira obriga dun gobernante coñecer o país a administrar, e para demostralo ergueu os ollos e buscou no teito unha das menos frecuentadas: Galicia, a máis lonxana.

O prócer explicou que en Galicia se fala un dialecto que converte os “os” casteláns en “us” e cando Wenceslao tentou discrepar, surriu, indulxente, pero esixiulle atento silenzo porque canto el dicía ía a misa. Engadiu que os galegos andan con zocas polas rúas empedradas e fan tanto ruído que a todos lles doe a cabeza; dos oficios destacou o de sereo e o de augador: os sereos viven de abrirlles a porta aos augadores e os augadores de levarlles auga aos sereos. Un terceiro grupo numeroso fórmano os mozos de corda e hai tamén unha pequena minoría de bailadores de muiñeira. Caso aparte é o dos coruñeses, consagrados á fabricación do peixe, en retortas das que saen os salmonetes; alambiques nos que se destila a tinta de calamar; e plantacións que, segundo a intensidade das chuvias, producen sardiñas ou boqueróns. En 1940 non ficaban en España os tópicos que sobre os galegos de baixa estofa recolleran destacados autores do Século de Ouro. Xa non eramos suxos, groseiros e de pouco fíar; ninguén dicía “antes puto que gallego”, nin temía “la coz galiciana”; pero seguía vixente a Galicia das meigas e bruxas, da presenza familiar do demo, da convivencia cos mortos, dos ritos ancestrais… Si, en 1940 seguía vixente a “Galicia das supersticións” e en 1950 tamén.

Nese ano meu irmán casou cunha rapaza madrileña, criada en Francia, que só coñecía Galicia pola obra de Valle Inclán e, malia os seus receos, aordaron pasar a lúa de mel en Ferrol. Para que tivesen a intimidade necesaria, a miña irmá e o meu cuñado cedéronlles o seu piso e viñeron á casa dos nosos pais. Durante moitos días comprobaran que todo estaba en orde e os noivos non terían o menor contratempo. “A trampa” da luz funcionaba perfectamente; a cociña e o os aparellos tamén; na despensa había o necesario para un almorzo reparador… Só esqueceron unha cousa: os xoves de cada semana unha muller case anana, vella, fea e xorda, chamaba á porta, ás oito da mañá para recoller o caixón de lixo que levaba a unha terra cativa.

A noite de vodas caeu en mércores e, ao día seguinte, ás oito da mañá, a vella petou na porta. Despois da sorpresa e ante a insistencia da chamada, miña cuñada puxo unha bata, abriu a porta e atopou unha muller saída dun aquelarre de Goya, que falou algo arrepiante. Volveu á habitación sen sangue no rostro e díxolle ao marido: –Ve tú, que está ahí una señora muy rara y yo no sé qué quiere. O meu irmán foi, preguntou e a vella repetiu o que xa dixera á miña cuñada: -Vengo a buscar el polvo.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.